Que baixadas de prezos aplicará o Goberno estatal a partir do 29 de marzo?

Mangueiras dunha gasolineira nunha imaxe de arquivo. (Foto: David Zorrakino/Europa Press)
Félix Bolaños non precisou como se levará a cabo esta baixada de prezos, nin mencionou ningún imposto específico que poida ser obxecto de rebaixa.

O ministro español de Presidencia, Félix Bolaños, garantiu no día de hoxe que o Goberno estatal baixará os prezos da luz, o gas e a gasolina no decreto que estima aprobar o vindeiro 29 de marzo, haxa ou non consenso no Consello Europeo da próxima semana.

Así o indicou na rolda de prensa após un encontro que mantivo no Congreso co Partido Popular (PP), o primeiro dos partidos cos que prevía reunirse nesta cuarta feira, no marco da rolda de contactos que o Executivo español iniciou para explorar medidas de resposta ás consecuencias económicas da guerra en Ucraína.

Bolaños subliñou que o Executivo é "totalmente consciente" do que está a custar encher o depósito de gasolina, pagar a factura da luz e manter as casas quentes no Estado español. "E por iso, o que vai facer o Goberno é baixar o prezo" destes tres servizos, afirmou, da man dos socios da Unión Europea. dun xeito semellante ao que outros países fixeron.

O ministro subliñou que o obxectivo é protexer a cidadanía, empresas e autónomos con máis dificultades para afrontar a suba xeralizada dos prezos de produtos de primeira necesidade neste momento.

Medida independente da postura da UE

Durante a súa comparecencia ante os medios, Bolaños insistiu en que, exista ou non consenso a nivel europeo neste asunto, o Goberno español apostará por unha baixada que sexa "inmediata e sinxela" para os fogares, empresas e autónomos.

Non en tanto, o integrante do Goberno español non precisou como se levará a cabo esta baixada de prezos, nin mencionou ningún imposto específico que poida ser obxecto de rebaixa. Tampouco respondeu a se o Executivo estatal adoptará medidas que afecten aos beneficios das grandes empresas, e limitouse a declarar que o paquete de medidas que se aprobe será "moi amplo e ambicioso".

Segundo indicou, a Comisión Europea baralla diferentes alternativas para conseguir esta baixada de prezos e o que fai o Goberno é propoñer opcións.

Bolaños reclamou unidade ao PP e ao resto de grupos para responder conxuntamente desde o Congreso á emerxencia e aclarou que esta unidade debe traducirse no apoio á posición do Estado español e do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no próximo Consello Europeo que decorrerá os días 24 e 25 de marzo.