O PP rexeita un pleno extraordinario pola problemática de Primaria

A Atención Primaria perdeu na Galiza 1.000 sanitarios ao longo última década

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).

A situación da Atención Primaria manda na actualidade social e política da Galiza. Mentres se suceden as queixas en todo o país polos problemas de funcionamento deste servizo sanitario, o Partido Popular rexeita na Deputación Permanente do Parlamento Galiza a convocatoria dun pleno extraordinario para adoptar medidas que poñan freo ao seu deterioro.

Os votos negativos do Partido Popular abondaron para non abordar na Cámara do Hórreo a  problemática da Atención Primaria. A iniciativa, formulada polo Bloque Nacionalista Galego, demandaba a “convocatoria dun pleno extraordinario que contemple na orde do día a comparecencia do conselleiro de Sanidade diante da gravísima situación de colapso na que se atopa a atención primaria, en especial a área sanitaria de Vigo, para que dea conta das medidas adoptadas”.

O portavoz popular Pedro Puy opúxose á proposta sinalando que “o conselleiro de Sanidade comparecerá no vindeiro pleno ordinario a solicitude do Goberno” e acusou á oposición de “distorsionar a realidade”. “Os 14 centros de saúde da área sanitario de Vigo fecháronse co apoio e a petición dos propios profesionais”, significou Puy, quen subliñou que “se tomaron moitas medidas para eliminar carga de traballo en Atención Primaria” e advertiu dunha situación extraordinaria marcada pola pandemia.

A voceira en materia sanitaria do BNG Montse Prado afirmou que “sobran razóns que xustifican esta proposta”. Neste sentido, considerou que “a situación de extrema gravidade da Atención Primaria non está orixinada por esta nova vaga da pandemia, senón provocada por 12 anos de recortes”. Na mesma liña, destacou “a gravidade dos recortes en Atención Primaria cando os expertos sinalan que entre 80% e 90% dos procesos desenvólvense neste nivel asistencial”.

"74,8 millóns de euros menos en relación a 2009"

“Ano tras ano o Goberno galego ven reducindo o orzamento destinado a Primaria”, apuntou Prado, quen lembrou que “na última anualidade recortáronse as partidas en dous millóns de euros en relación coa anterior, sumando en 2022 unha rebaixa de 74,8 millóns de euros en relación a 2009, que se temos en conta a actualización do IPC deses 13 anos representa unha diminución real de 277 millóns de euros”.

Prado sinalou que os dados “non deixan lugar a dúbida”. A este respecto, recordou que “Galiza está a cola do Estado do gasto por habitante en Atención Primaria, con 12% de investimento, fronte a 14% estatal e moi lonxe de 25% recomendado polos expertos”. Ao tempo, argumentou que “o feche ao público agás para a covid e urxencias de 14 centros de saúde na área sanitaria de Vigo é a evidencia da grave situación” deste nivel asistencial.

O voceiro socialista Gonzalo Caballero prestou o seu apoio á iniciativa dos nacionalistas e cargou contra á política sanitaria dos populares que provocou “a perda de 1.000 sanitarios en Atención Primaria na última década”. Neste liña lamentou que durante “moitos anos o PP aplicou políticas sanitarias que non fortaleceron a atención primaria”, o que deu lugar a unha “deficiencia estrutural”. Ao tempo, alertou da redución dos orzamentos para Atención Primaria, na que “converteron na irmá pequena, na de menor compromiso” do sistema sanitario público.

Os dados cantan

Os diferentes indicadores ofrecidos polo Goberno galego sobre a situación da Atención Primaria na Galiza debuxan un escenario moi preocupante. Así, entre 2012 e 2017 suprimíronse 110 prazas de médico nos centros de saúde galego após xubilarse 331 facultativos e entrar no sistema 221.

Unha realidade análoga, obsérvase en Pediatría, tras perderse 85 especialistas no mesmo período de tempo ou noutros postos chaves no cadro de persoal dos centros de saúde. Sen ir máis lonxe, Galiza sitúase á cola do Estado en dotacións de enfermaría, cun rateo de 0,68 profesionais por cada 1.000 habitantes nos centros de saúde.

Ao tempo, entre 2010 e 2019 suprimíronse 65 prazas desta especialidade, sendo tamén significativa a redución do número de matronas. As perspectivas para os vindeiros anos están lonxe de mellorar