Sanidade na Galiza: O PP négase a que o conselleiro compareza de urxencia no Parlamento

Reunión da deputación permanente do Parlamento. (Foto: Parlamento da Galiza)
O PP rexeita acelerar as explicacións de Julio García Comesaña mentres o BNG e o PSdeG resaltaron na reunión da deputación permanente que sobran razóns para querer información sobre a situación real da Atención Primaria.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, non comparecerá -polo menos de momento- no Parlamento galego para explicar a situación "límite" que atravesa a Atención Primaria, incrementada polas dificultades derivadas da Covid-19 e con especial prexuízo á area sanitaria de Vigo.

A decisión foi tomada esta quinta feira, 13 de xaneiro, polo PPdeG ao rexeitar atender a petición do BNG para convocar un pleno extraordinario no que García Comesaña puidera explicar o suposto colapso no servizo de saúde, especialmente en 14 ambulatorios da contorna de Vigo.

Así se coñeceu após a reunión da deputación permanente do Parlamento, un encontro de traballo no que o portavoz dos populares, Pedro Puy, acusou a oposición de "distorsionar a realidade" sobre o acontecido nas últimas semanas nos 14 centros de saúde.

A este respecto, defendeu que se limitara a atención unicamente a casos de coronavirus e cuestións urxentes nas infraestruturas porque así "o solicitaron" as persoas sanitarias que traballan alí. En consecuencia, anunciou que non haberá pleno extraordinario e que García Comesaña acudirá á Cámara galega no primeiro pleno ordinario deste ano por petición da propia Xunta, supostamente, coa "máxima transparencia".

Após enumerar algunhas medidas de control do virus, engadiu en alusión ás criticas da oposición: "Parece que hai unha 'Galemia' no canto dunha pandemia".

Autoxestión cidadá

Mais estas explicacións non serviron ao BNG e a deputada Montse Prado incidiu no encontro da deputación permanente en que "sobran as razóns" para que Comesaña fale antes atentendo a unha situación "máis que extrema" da sanidade galega.

A nacionalista destacou que o acontecido na área de Vigo "fixo saltar absolutamente todas as alarmas". O "colapso" é, na opinión da formación frontista, é o efecto das políticas sanitarias do PP.

"Desmantelaron Atención Primaria e agora as costuras non dan para máis", espetou Prado, considerando así que "hai miles de galegos sen dereito a asistencia sanitaria". Porén, para a deputada do Bloque, non existe "ningunha vontade de cambiar a situación" por parte do PP e da Xunta.

No seu discurso tamén afeou que a poboación galega estea a verse "obrigada a autoxestionarse" para facer os test e comunicar os positivos por Covid-19 para dispor de atención sanitaria ou baixa laboral.

Apoio ao BNG

Neste contexto, o socialista Gonzalo Caballero lamentou que durante "moitos anos o PP aplicou políticas sanitarias que non fortaleceron a atención primaria", o que deu lugar a unha "deficiencia estrutural".

Por iso, apoiou a demanda nacionalista para acelerar a comparencencia do responsábel de Sanidade dada a situación epidemiolóxica e o efecto no sistema, mais esta non saíu adiante.