BNG e PSdeG acusan Feixoo do colapso da sanidade e urxen reforzos

Pontón pide un "plan de choque" dotado con 200 millóns de euros para reforzar a Atención Primaria, mentres Gonzalo Caballero urxe a "volver contratar" os 868 docentes dos que prescindiu a Xunta en setembro e os "500 sanitarios que estiveron no Sergas nos peores momentos da pandemia".

Veciñanza de Sanxenxo nunha das protestas a prol da sanidade pública (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo) #sanxenxo #sanidade #atenciónprimaria #sanidadepública #xunta #recortes #centrodesaúde #ambulatorio
photo_camera Veciñanza de Sanxenxo nunha das protestas a prol da sanidade pública (Foto: Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu esta segunda feira en declaracións aos medios que os servizos de Atención Primaria do sistema sanitario galego están "ao bordo do precipicio" por "responsabilidade directa" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a quen acusou de ter aproveitado a pandemia de forma "perversa" para "avanzar" no "proceso privatizador" da sanidade pública.

Ao fío desta cuestión tendeu a man da formación nacionalista ao Goberno galego para alcanzar acordos, mais, para iso, o PP debe ter a "vontade" de "recoñecer erros" e "rectificar" certas políticas nas que "está a fracasar".

Pontón defendeu a necesidade de que Núñez Feixoo compareza no Parlamento para dar conta da situación da sanidade galega, que, para a líder do BNG, precisa de "alternativas" ao afán "privatizador" do PP.

En consecuencia, demandou un "plan de choque" dotado con 200 millóns de euros para reforzar a Primaria, a mesma cifra que veñen exixindo as e os profesionais sanitarios para esta especialidade.

Na mesma liña se pronunciou o portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, que urxiu ao presidente galego a aprobar un plan de reforzo do persoal dos servizos públicos, nomeadamente na educación e a sanidade, para facer fronte á sexta vaga da Covid-19.

Caballero emprazou Núñez Feixoo a "volver contratar" os 868 docentes de reforzo dos que a Xunta prescindiu no comezo do presente curso, así como os "500 profesionais sanitarios" que estiveron no Sergas "nos momentos máis duros da pandemia".

A respecto da decisión de Sanidade de fechar as consultas en 14 centros de saúde da área de Vigo, dixo que "debe ser reconsiderada", xa que a saturación do servizo "non se soluciona con esa decisión, senón con persoal suficiente".

Comentarios