“Até aquí chegamos!”: nova protesta de persoal da CRTVG contra un ambiente laboral “asfixiante”

(Foto: CUT-CRTVG)

Os traballadores e traballadoras decidiron en asemblea secundar unha folga de 24 horas o vindeiro 6 de marzo.

“Non máis abusos! Por un clima laboral saudábel e respectuoso cos nosos dereitos”. A faixa do comité intercentros da CRTVG volveu percorrer onte polos corredores da sede da compañía pública de radio e televisión, en San Lázaro, Compostela. Representantes do persoal pediron a membros noemadas polas formacións políticas no Consello de Administración da corporación que tome medidas para pór fin aos abusos que sofre o cadro de persoal en moi diversas formas".

"Exiximos que garantan a dignidade no trato e o respecto á profesionalidade das traballadoras e o retorno das persoas trasladadas aos seus postos e fin das prácticas de manipulación e das represalias", sinalaban desde a CUT.

Unha nova visibilización do malestar entre o persoal da CRTVG, acrecentado nos últimos días por decisións como o do xornalista da Radio Galega que foi derivado a un programa da TVG após, apuntaban desde o comité, "negarse a manipular" unha información. 

Traballadores e traballadoras da compañía aprobaron esta cuarta feira en asemblea un calendario de mobilizacións que ten unha data chave o vindeiro 6 de marzo. Ese día haberá un paro de 24 horas.

“A situación é insoportábel, asfixiante, un clima laboral irrespirábel”, critican desde fontes do cadro de persoal da CRTVG. Un persoal que lembra que van xa cara aos 250 venres negros, protestas que se fan semanalmente para denunciar a “censura” e o incumprimento da Lei de medios públicos.

Os obxectivos que figuran no preaviso rexistrado esta quinta feira polo Comité Intercentros son “reclamar o cesamento dos abusos e restablecer un clima laboral respectuoso cos dereitos das traballadoras e traballadores do ente público, erradicar o trato degradante que persoas con superioridade xerárquica e funcional inflixen ás traballadoras ao seu cargo, realizar sen demora o estudo psicosocial acordado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral e repoñer nos seus medios de orixe ao persoal que foi trasladado como castigo da radio para internet ou a televisión, e da televisión para a radio”. 

"O Intercentros enmarca estas mobilizacións nun contexto laboral absolutamente deteriorado por anos e anos de manipulación informativa, precariedade, marxinación profesional e desmantelamento da estrutura e da capacidade produtiva propia da corporación pública. A representación legal do persoal acusa de falta de proxecto de medios públicos e de perpectiva de país á actual dirección, comandada desde o ano 2009 por Alfonso Sánchez Izquierdo", indica o comité nun comunicado.

O PP veta unha comisión

A principios deste mes de febreiro o PP empregou a súa maioría no Parlamento galego para botar baixo a toma en consideración dunha proposición de lei presentada polo BNG e que propuña a reforma da Lei de medios públicos de 2011.

A sección sindical da CIG na CRTVG denunciaba a principios desta semana a través dun comunicado a "degradación alarmante" do marco de relacións laborais dentro dos medios públicos. Unha "deterioración" que se debe a "unha dirección cuxa vinculación coa CRTVG é de dubidosa legalidade", aseguran, citando unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza do pasado ano que "pon en cuestión a relación laboral de máis de 30 persoas que na actualidade conforman o groso da estrutura directiva da corporación".