Xornalismo

O comité da CRTVG denuncia represalias a un xornalista por "negarse a manipular": "Non pode ir así, xa sabes"

Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
Un redactor con case 25 anos de experiencia na Radio Galega foi desprazado ao programa 'Galicia Noticias' da TVG, segundo o comité intercentros da corporación, por negarse a modificar unha información sobre o IPC de xaneiro que "non tiña datos erróneos". Ven este episodio como "unha clara represalia" contra o xornalista, "crítico coas prácticas de manipulación na CRTVG".

No xornalismo, a diferenza da multiplicación e a suma nas matemáticas, a orde dos factores si altera o produto. E cando se informa dunha cuestión de relevancia e que preocupa especialmente a cidadanía como é a inflación, aínda máis. Non é o mesmo, pois, comezar apuntando o dato do IPC de xaneiro na Galiza (6,4%), cinco décimas superior á media estatal (5,9%), que deixalo a modo de 'pincelada' para o final após centrar a noticia no contexto do Estado español.

"Os prezos subiron en Galicia no mes de xaneiro un 6'4 por cento. En toda España, a suba foi do 5'9. Son os datos oficiais que hoxe publicou o Instituto Nacional de Estatística". Así daba comezo a información sobre o aumento dos prezos redactada por un xornalista da Radio Galega para o informativo 'Crónica das dúas'. Porén, segundo denuncia esta sexta feira o comité intercentros da CRTVG, a coordinadora do informativo conminouno a modificala dicíndolle que "a nova non podía ir así": "Xa sabes".

O redactor, con base nas mesmas fontes, negouse a facelo alegando que a noticia era correcta e que só modificaría os datos erróneos, se os houber. Mais finalmente, "despois da manipulación que alguén executou", sostén o comité, a información presentouse da seguinte forma: "Dato definitivo do IPC. Os prezos subiron en xaneiro en toda España un 5.9% con respecto a hai un ano. A inflación subxacente, que non conta nin os alimentos frescos nin os carburantes, sitúase no 7'5%. O prezo dos alimentos segue disparado malia a rebaixa do IVE dalgúns produtos básicos... Os alimentos son un 15.4% máis caros que hai un ano... Abarataron tres décimas con respecto ó dato de decembro. En Galicia os prezos subiron no mes de xaneiro un 6'4 por cento".

Só un día despois, sempre segundo o relato achegado polo comité intercentros, o subdirector de Xestión dos Servizos Informativos da corporación pública, Alejandro López Carballeira, comunicáballe ao xornalista o seu cambio inminente —a vindeira segunda feira, día 20— ao programa 'Galicia Noticias' da TVG, após case 25 anos na canle radiofónica, baixo pretexto de "mellorar a súa produtividade".

"O traballador manifestoulle a súa sorpresa e oposición ao cambio, logo de prestar servizos na radio dende os anos 90, e sen ter formación sobre a nova plataforma dixital implantada na TVG en 2018. O cambio de adscrición de unidade orgánica, transmitida primeiro verbalmente, foille comunicada por escrito pouco despois ao redactor por parte do director de Recursos Humanos, Víctor Tubío", afirman.

Desde o comité intercentros ven esta mudanza, "susceptíbel de constituír ademais unha modificación substancial das condicións de traballo", como "unha clara represalia" contra este xornalista, "crítico coas prácticas de manipulación na CRTVG". En opinión do comité, "estanse a vulnerar todos os códigos éticos da profesión xornalística e dereitos fundamentais protexidos constitucionalmente como a cláusula de conciencia e o dereito a informar libremente, sen poder ser represaliados ou prexudicados os e as profesionais por negarse a participar na elaboración de informacións contrarias aos principios éticos da comunicación".

A representación do persoal dos medios públicos xa lle transmitiu á Dirección da CRTVG a súa "condena radical" destas prácticas de "manipulación informativa e represión", que, inciden, "só contribúen a agravar o deteriorado clima laboral existente na corporación, aínda hai pouco denunciado polo comité". Así, instan os altos cargos da empresa pública a "cesar nos seus ataques e abusos continuos ás traballadoras e as súas representantes", e avanzan a convocatoria de asembleas para "dar unha resposta contundente" que implique todo o cadro de persoal.