Até 10 tractoradas protestan por toda a Galiza por "uns prezos xustos para o sector primario"

Tractorada esta terza feira en Pedrafita do Cebreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Estas mobilizacións decorren de forma conxunta na cornixa cantábrica, convocadas polas organizacións agrarias. As reivindicacións pasan por prezos xustos para os produtos do sector primario, rexeitamento dos tratados de libre comercial, eliminación da burocratización, así como adaptación da Política Agraria Común (PAC).

As mobilizacións das organizacións agrarias Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asaga desenvólvense esta terza feira cuns 600 tractores e 4.000 persoas -segundo datos das convocantes- nunha decena de puntos da Galiza, con especial afectación en cortes na entrada ao país na Gudiña e Pedrafita.

En Santiago, unha trintena de tractores concentráronse sobre as 12.30 horas ante a Xunta, diante da Consellaría de Medio Rural, aínda que outros 60 -procedentes da comarca comostelá- atopábanse nunha rotonda próxima en San Caetano ao non deixarlles acceder a Policía para rodear o complexo administrativo. Provocan o corte da rúa Ánxel Casal con presenza de varias furgonetas policiais.

Na Coruña, ao redor dunha vintena de tractores accederon ao centro da cidade cunha concentración convocada ante a Delegación do Goberno español, na cal xa, antes da chegada dos vehículos, concentráronse representantes do sector cunha pancarta co lema común de 'En defensa do agro galego'.

"Ministro, escoita, o campo está en loita", foi unha das proclamas durante a protesta na cidade da Coruña, con presenza de medio centenar de persoas, na que gandeiros participantes pediron ás administracións que se "exixan as mesmas condicións de xogo a todos".

En Lugo, uns 50 tractores chegaron ata a Rolda da Muralla -cortaron o carril interior de circulación da Rolda á altura do edificio da Xunta-. Ao redor dun centenar de gandeiros e agricultores concentrouse ante o edificio do Executivo galego. Desde alí marcharon cara á sede da Subdelegación do Goberno español. A mobilización transcorre con ambiente pacífico e un amplo despregamento policial.

Pola súa parte, en Ourense, ao redor de 70 tractores, remolques e todoterreos rodearon a Subdelegación do Goberno do Estado. Proceden de Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Maceda, Coles, A Peroxa, comarcas do Carballiño e O Ribeiro. A concentración contou con ao redor dun centenar de persoas que portaban apeiros de labranza e até xente con grelos na cabeza, á vez que facían soar bucinas e cencerros. Tamén se tiraron petardos. Ademais, localidades como Lalín (Deza), Ribadeo (A Mariña), Vimianzo (Terra de Soneira) e Ortigueira (Ortegal) completan a lista de mobilizacións.

Todo iso no marco dunha protesta a nivel galego con cortes de tráfico, con presenza dun centenar de gandeiros a pé e tamén de tractores, neste caso con corte de tráfico na N-6, en dirección Madrid. Está previsto que sobre as 17 horas terminen as mobilizacións.

Reivindicacións

Estas mobilizacións decorren de forma conxunta na cornixa cantábrica, convocadas polas organizacións agrarias. As reivindicacións pasan por prezos xustos para os produtos do sector primario, rexeitamento dos tratados de libre comercial, eliminación da burocratización, así como adaptación da Política Agraria Común (PAC) "á realidade da agricultura e gandería galegas", mantemento da redución no prezo do gasóleo e unha "negociación real" co sector.

En declaracións aos medios en Compostela, o gandeiro Félix Porto explicou que se trata dun inicio da convocatoria de mobilizacións de organizacións agrarias na Galiza para que "se cumpra a lei de cadea alimentaria" e que "non sexa papel mollado", á vez que se pide control por para que os contratos se cumpran con prezos xustos. "É a primeira", di sobre esta manifestación, xa que avisa que "vai haber máis no caso de que non haxa resposta" por parte das Administracións.