Asociacións participantes no Día da Patria están a recibir sancións

(Foto:Estreleira)
A Marcha Mundial e diferentes colectivos denuncian as multas

Case dous meses despois das celebracións polo Día da Patria Galega en Santiago, asociacións que como cada ano distribuían voandeiras e outros elementos divulgativos desde os seus postos de reparto e venda de material na Alameda de Santiago, están a recibir sancións.

Durante os preparativos da manifestación do 25 de xullo das diferentes organizacións que parten da Alameda, a policía local de Compostela identificou persoas e colectivos que participaban no labor de divulgación do traballo asociativo, algo que forma parte do ambiente previo á marcha e que se realiza todos os anos pola gran receptividade e implicación das persoas asistentes. 

Porén, están a chegar sancións individuais por 601 euros a colectivos como o Proxecto Estreleira ou a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, logo da denuncia efectuada pola Policía local de Santiago coa aplicación da Lei Mordaza, ante a Subdelegación do Goberno español na Galiza.

Están a chegar sancións individuais por 601 euros a colectivos como o Proxecto Estreleira ou a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza

Polo de agora non se coñece o alcance destas multas, nin se se sancionarán todos os colectivos participantes ou non. Porén, esta semana as asociacións prexudicadas reuníronse para presentar alegacións conxuntas ante esta situación.

Neste contexto, o BNG asegurou onte nun comunicado de prensa que preguntará no pleno municipal por estas sancións, pois considéranas "un feito insólito e un contrasentido" e que se podería entender como "un atentado contra os dereitos fundamentais de manifestación e de asociación".

Ademais, a formación política indicou que "tamén se procedeu a identificar, por parte de estamentos policiais, persoas con simboloxía nacionalista na Cidade histórica na xornada previa ao Día da Patria".

"Identificáronse persoas con simboloxía nacionalista en Santiago de Compostela"

Así o indicou onte a portavoz municipal do BNG en Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, quen trasladou a solidariedade aos colectivos participantes no Día da Patria.