A asociación Betula quere mercar máis terreos nas Fragas do Eume e deseucaliptizalos

Betula tamén realiza rutas e colabora na limpeza de ríos de Adega (Imaxe: Asociación Betula).
A Asociación de custodia do bosque atlántico Betula naceu en 2013, co obxectivo de protexer as especies autóctonas e evitar o incremento da especulación madereira e a plantación de eucalipto. Na actualidade é dona de 7,5 hectáreas das fragas do Eume, e procura aumentar os seus terreos.

A Asociación de custodia do bosque atlántico Betula é gardiá na actualidade das 7,5 hectáreas das fragas do Eume que mercou o pasado ano, grazas ao pulo dunha liña de axudas da Deputación da Coruña. Este ano, estudan adquirir entre 3 e 5 hectáreas máis deste espazo natural a través da mesma convocatoria.

A primeira adquisición de terreos nas fragas foi anterior e máis modesta. Veu da man dunha muller que quixo ceder as súas parcelas a Betula, pouco máis de media hectárea.

O colectivo traballa desde 2013 na custodia do territorio en terreos doados, comprados ou asinando un convenio coas propietarias; xa sexan particulares, comunidades veciñais de montes en man común ou Administracións, duns dez anos de duración.

"O noso obxectivo é protexer o bosque autóctono a perpetuidade, por iso escollemos a figura da custodia", explica a Nós Diario César Martínez, secretario de Betula, quen lembra que a preocupación ante a transformación de terras para a labranza ou de bosque en explotacións forestais deu pé a unha das liñas de traballo da asociación.

A proliferación de eucaliptos e a lembranza dos lumes que asolagaron as fragas do Eume en 2012 levaron as socias de Betula a ollar para este espazo con vistas a protexelo e conservalo.

"Trátase dunha paraxe senlleira, decidimos que había que actuar de xeito prioritario, aínda que sen deixar de lado outros proxectos que desenvolvemos na área de Ferrolterra ou mesmo na Terra Chá, no concello de Vilalba", abunda Martínez.

O secretario de Betula sinala que 20% dos terreos das fragas son de titularidade pública. "O resto pertencen a particulares, o cal dificulta os traballos de conservación", engade, lamentando a "falta de interese" das Administracións na súa compra para a protección deste espazo natural. 

Labores voluntarios

Betula conta cunhas cen socias a día de hoxe. "Os nosos recursos económicos e humanos son limitados, non chegamos a todos os sitios aos que nos gustaría", recoñece César Martínez, quen destaca que o labor das voluntarias "é fundamental"
Grazas a elas desenvolven actividades como destas semanas en Mugardos, coa colaboración de alumnado, para a reforestación duns terreos con especies autóctonas.