Couto da Eirexiña: compromiso e paixón por conservar o patrimonio e o bosque atlántico

O proxecto de custodia do territorio  entre a comunidade de montes da parroquia de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza afecta 157,6 hectáreas, onde se prevé desenvolver diversos proxectos e iniciativas.

Conservar e poñer en valor o patrimonio natural  e cultural dunha área tan rica como a de Cerdedo-Cotobade é o obxectivo do Couto da Eirexiña, o proxecto de custodia do territorio que se establece entre a comunidade de montes da parroquia de Rebordelo e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. O proxecto conta cunha superficie total de 157,6 hectáreas custodiadas nas que se desenvolverá un voluntariado ambiental e que tamén se centrará na educación ambiental.

 

Unhas das principais liñas de actuación do Couto da Eirexiña, din os responsábeis, son a realización de accións de educación e voluntariado ambiental encamiñadas á recuperación, conservación e posta en valor dos bosques autóctonos.
 

Deste xeito, as repoboacións con árbores autóctonas, a eliminación de Especies Exóticas Invasoras (EEIs) como o eucalipto ou a acacia negra, ou a promoción dos valor naturais destes ecosistemas, son algunhas das actividades principais que desenvolvemos desde o proxecto.

 

Tamén se desenvolverán inspeccións do estado ecolóxico do río Almofrei a través do Proxecto Ríos e a monitorización e recuperación do bosque de ribeira, así como a restauración e seguimento dun sistema de charcas a través do proxecto Charcas con vida.

 

Unha das accións de actuación do Couto da Eirexiña é a conservación e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da parroquia de Rebordelo. “A historia cultural e as xentes do lugar, en interacción coa biodiversidade, a xeodiversidade e os procesos xeomorfolóxicos, conforman a riqueza paisaxística e o legado cultural deste territorio, un aspecto fundamental a protexer e difundir”.