Brigadas deseucaliptizadoras, dous anos plantando alternativas nos montes galegos

Brigadistas voluntarias nos territorios do monte en man común de Froxán, Lousame (Imaxe: Verdegaia).
O 11 de xaneiro, nos terreos da Comunidade de montes de Coruxo, e o 18, no monte de Calexón, as brigadas deseucaliptizadoras volverán poñerse en marcha. Esta iniciativa naceu da man do colectivo ambiental Verdegaia en 2017.

As brigadas deseucaliptizadoras teñen o seu xérmolo na comunidade de montes de Froxán, no concello de Lousame. Comuneiras e integrantes do colectivo ambiental Verdegaia botáronas a andar en 2017. Esta iniciativa une voluntarias desexosas de achegarse aos montes galegos desde unha perspectiva distinta á lúdica con propietarias que procuran alternativas aos usos forestais. Non todo é traballo, após cada xornada as propietarias anfritioas organizan un xantar, o albaroque, para as participantes. Na roga, nos labores comunais, as brigadistas eliminan eucaliptos, ou especies invasoras como a acacia, ou substitúen a estas especies por árbores autóctonas.

Ao longo de 2019 as brigadas actuaron na comunidade de montes de Froxán, na de Calexón (Valón), nun terreo de Mondariz Balneario, coa colaboración da rapazada do CEIP Nosa Señora de Lourdes ou en Corcubión. "Este ano comezamos a acadar a descentralización que desexabamos, coas anfitrioas organizando as xornadas de roga e albaroque", informa a este medio Joam Evans, comuneiro de Froxán (Lousame) e integrante de Verdegaia. Diego Cidrás, voluntario brigadista, valora a experiencia das rogas. "Eu vexo as brigadas como un fío conector, cada vez máis forte, da xente das cidades, incluso a do eido rural, co monte", explica a Nós Diario. "O labor didáctico das brigadas é realmente inmensa", afirma.

As primeiras accións do 2020 terán lugar en Coruxo, o 11 de xaneiro, e no monte de Calexón, o día 18. Evans tamén adianta unha novidade no ano entrante: un festival con obradoiros, actuacións musicais ou palestras. "Un convivio para dar visibilidade as brigadas e ás brigadistas que as fan posíbeis", adianta.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.