As brigadas deseucaliptizadoras suman xa máis de 350 brigadistas

As Brigadas Deseucaliptizadoras naceron en abril deste ano cunha idea clara: “Chegou a hora de dicir “basta” e botarse ao monte para tomalo e transformalo”. As Brigadas defínense a elas propias como “una iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza”. Impulsadas desde Verdegaia, están abertas a que se sumen outras persoas e coletivos.

 

Desde a súa primeira acción, a finais de abril en Froxán (Lousame), até agora realizaron 14 rogas en diferentes lugares do país. En pouco máis de medio ano a iniciativa incorporou xa 533 hectáreas de territorio en oito concellos , incluíndo desde parcelas de titularidade municipal en Corcubión, montes veciñais en Lousame, Dodro, Cotobate, Ponteareas e Pazos de Borbén e parcelas de propietarios individuais no Ribeiro. As xa 350 brigadistas voluntarias alistadas na iniciativa realizaron no que vai de ano máis dunha ducia de intervencións, todas orientadas a eliminar especies exóticas invasoras (eucalipto mais tamén acacias) en zonas de alto valor natural, paisaxístico ou patrimonial.

 

Arrincar eucaliptos, tombar acacias, rexenerar monte queimado, preservar a floresta autóctona son algunhas das accións que nestes meses desenvolveron as e os brigadistas. Joam Evans, da comunidade de Froxán, de onde saíu a idea para este proxecto que aposta na implicación social para pular pola recuperación da biodiversidade dos montes do país, explicábanos nunha entrevista: "Hai un movemento social que está disposto a implicarse para transformar o monte galego".