Poden espiarme a través do móbil? Así funciona 'Pegasus' e isto é o que precisas saber para evitalo

O programa 'Pegasus' pode acceder á práctica totalidade dos arquivos e funcións do dispositivo infectado. (Ilustración: Victor Mine)
Milleiros de persoas denuncian ter sido espiadas co programa 'Pegasus', entre elas decenas de políticos e activistas independentistas e o propio presidente do Goberno español. Malia que a única forma de evitar unha intrusión é "estar 100% desconectado da rede", eis uns consellos que poden mellorar a túa ciberseguridade.
  1. Como funciona Pegasus?
  2. Que me fai vulnerábel?
  3. Como evitar ser vítima dun hackeo?

Máis de 50.000 dispositivos foron intervidos nalgún momento co programa de espionaxe Pegasus, segundo desvelou o pasado ano a rede de xornalistas Forbidden Stories. Xa en abril, hai escasas semanas, o semanario estadounidense The New Yorker publicaba unha investigación de Citizen Lab que informaba da espionaxe de máis de sesenta políticos e activistas independentistas cataláns.

O Goberno español, se ben nun primeiro intre desmentiu as acusacións alegando que se trataba de "ataques inxustos ao CNI" porque Intelixencia "non se pode defender" debido a que as súas actuacións son sempre secretas, acabou por recoñecer por boca da ministra de Defensa, Margarita Robles, tales feitos: "Que se supón que ten que facer un goberno cando alguén declara a independencia?", xustificou, nunha intervención no Congreso.

Uns días despois Moncloa asegurou que tamén a propia Robles e o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, foran vítimas deste software de espionaxe con senllas intrusións aos seus dispositivos rexistradas entre maio e xuño de 2021.

Como funciona Pegasus?

Cada día saen á luz novas denuncias a respecto de Pegasus e unha pregunta paira sobre as cabezas de moitos e moitas de nós: podo sufrir eu tamén un ataque informático como este?

"Este tipo de software entra nun dispositivo, principalmente, mediante vulnerabilidades: erros de programación, versións desactualizadas de programas que teñan algún tipo de código que se pode executar sen o teu control... Ou mediante a enxeñaría social, facendo que o usuario prema nunha ligazón e así dea permiso ao código do hacker para entrar", explica, en conversa con Nós Diario, o enxeñeiro informático Martín Coego.

No caso concreto de Pegasus, un programa cun "enorme investimento" detrás, o modus operandi é "moito máis elaborado" que un correo electrónico cunha notificación, por exemplo, de que se bloqueou a túa conta do banco e o aviso de que precisas dar os teus datos para resolvelo —a técnica do phising—. Aproveitan, pola contra, todas esas 'fendas' que deixan no sistema as "vulnerabilidades" de cada dispositivo.

A diferenza doutros programas de hacking, o Pegasus toma o control completo do dispositivo: "Ten o control de todo, tanto ou máis que o propio usuario. Pode modificar ficheiros, meter cousas que antes non había... De todo", salienta.

Que me fai vulnerábel?

Un xesto tan sinxelo como actualizar as aplicacións cada vez que o ordenador, tableta ou móbil así o demanda pode ser crucial para a nosa ciberseguridade. "Se tes o WhatsApp desactualizado abonda con facer unha chamada falsa que execute o seu código no móbil. Antes infectábanse moitos dispositivos cando abrías un PDF e tiñas a aplicación de lectura nunha versión antiga. É un hackeo de 'cero click', xa que non tes que premer necesariamente nunha ligazón nin dar os teus datos", apunta Coego.

Outra forma de que o hacker entre no dispositivo é "mandar unha mensaxe sen texto visíbel pero que tamén executa o código cando a les". "É algo moi pouco ortodoxo, cando o hacker entra no dispositivo doutra persoa busca a forma, porque non hai unha forma exacta, de atopar esas vulnerabilidades", engade.

Como evitar ser vítima dun hackeo?

"Protexerse dun virus de uso masivo [por exemplo, a través da técnica do phising] é máis fácil, pero dun programa millonario como Pegasus, con tantos recursos e xente detrás intentando localizarte... Máis ben é unha cuestión de canto tempo tardarán en entrar, a non ser que esteas 100% desconectado da rede", sostén o enxeñeiro informático.

A non ser que esteas 100% desconectado da rede, non é cuestión de se entrarán no dispositivo, senón de canto tempo tardarán

Porén, hai algunhas cuestións que poden contribuír a, cando menos, dificultar a entrada dese software malicioso —ou malware—. "Non abrir ningún ficheiro do que descoñezas a súa orixe, manter todas as actualizacións ao día...", indica. Tamén é de axuda reiniciar cada día o dispositivo: "Moitas veces eses programas non teñen persistencia, toman o control do móbil pero cando se reinicia precisan volver entrar".