Os segredos das illas galegas

Punta Robaleira e as illas Cíes (Foto: Colectivo Xea).
Sabes cantas illas hai na costa galega? Das Cíes á Pancha, descobre a historia e a riqueza natural de cada illa da Galiza.

Galiza ten 29.574 km2 e conta cun total de 1.498 km de costa, entre saíntes, entrantes, illas e illotes.

A costa galega caracterízase polos seus accidentes xeográficos. A pesar de que as que máis abundan son as rías, imos centrarnos nas illas. A costa galega componse principalmente de granitos e xistos, o que lle proporciona unha maior resistencia á erosión mariña que outros materiais. Isto causa unha erosión desigual da costa, dependendo da composición e da resistencia á meteorización que esta lle proporcione. Como resultado, obtemos unha costa irregular, con formacións diversas en forma.

Illa de San Vicente

Observando un mapa da Galiza, rapidamente localizamos a zona que maior cantidade de illas ten: a atlántica. Entre as comarcas do Baixo Miño e Ortegal hai unha lonxitude de costa de 1.354 km. Nesta vertente atlántica é onde se concentran as illas e os arquipélagos máis coñecidos, como as Cíes ou Ons. Seguindo unha traxectoria norte-sur, comezamos pola illa de San Vicente en Ortigueira.

Adentrándonos no profundo da ría do Ladrido, a escasos metros da praia de Morouzos, encontrámonos con esta illa de valores naturais protexidos polas figuras ZEPA -Zona de Especial Protección para ás Aves- e LIC -Lugar de Interés Comunitario-. Ademais, esta illa está incluída na zona RAMSAR da ría de Ladrido. Os valores naturais polos que se protexe esta zona céntranse especialmente nos fáunicos, concretamente nas aves debido a que é zona de paso e refuxio para aves durante o inverno. Algunhas das que nos podemos encontrar nesta zona RAMSAR son Hoematopus ostralegus ou a Calidris alpina. Os carrizos e os xuncos conforman parte da rede de flora desta illa, xunto coa Zostera marina.

Illas Sisargas

Seguindo cara ao sur, na comarca de Bergantiños está o arquipélago das illas Sisargas, composto pola illa de Sisarga Grande, Sisarga Chica e a Malante. Na illa de Sisarga Grande, consérvase en funcionamento un dos faros máis antigos da Galiza, que data do ano 1853 e que sufriu unha remodelación no ano 1912. No ámbito natural destacan outra vez os valores naturais, sendo parte da Rede Natura 2000 na categoría de ZEPA. Neste caso, as comunidades máis relevantes correspóndense coas gaivotas subespecies de gaivota oscura (Larus fuscus),  gaviota tridáctila (Rissa tridactyla),gaviota patiamarilla  (Larus cachinnans) e o arao común (Uria aalge). No ámbito vexetal, a familia endémica da Armeria maritima marcan a paisaxe durante a época de floración ao igual que a labaza de ribeira.

Illas Lobeiras

Na Costa da Morte, as illas Lobeiras supuxeron un dos puntos negros para os barcos durante moitos anos, até que no século XX decidiuse construír un faro para minguar o número de barcos danados ou fundidos. Está composta pola Lobeira Grande e a Chica, que non están habitadas na actualidade, e acolle o faro que estivo habitada pola familia a cargo do mesmo. O nome non ten explicación coñecida pero na historia popular faise referencia a presenza de lobos nas illas. Forma parte da Rede Natura 2000 debido aos seus valores naturais.

A Creba

Na ría de Muros e Noia, atópase a illa da Creba, a uns 250 metros da costa. Durante anos, lévase dando a nivel político unha disputa sobre a propiedade da illa, que na actualidade é privada pero certos partidos políticos e asociacións ecoloxistas piden a súa compra por parte da Xunta da Galiza.

Sálvora

A illa de Sálvora pertence ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. Está localizada na ría de Arousa e protexe a ría dos fortes temporais grazas aos seus múltiples illotes que a rodean. A pesar de que no 2007 a illa pasou a mans públicas, forma parte do Parque Nacional desde o 2001. Curioso o caso do seu faro, que estivo habitado até 2018. Ademais de estar incluído no Parque Nacional das Illas Atlánticas, tamén forma parte do ZEC do complexo húmido de Corrubedo e na ZEPA do entorno mariño das Rías Baixas. No ámbito natural, pódense distinguir dúas zonas: a faixa costeira e a interior.

Na faixa costeira destacan moitas especies en perigo de extinción, como os paxariños -Linaria arenaria- e a herba da agulla -Erodium maritimum-.

Tamén podemos ver nas dunas a herba de namorar e se nos adentramos un pouco cara ao mar son típicos os caranguexos, as lapas, etc.. Seguindo agora coa zona interior, as especies vexetais que máis destacan son os liques -especialmente o alaranxado Xanthoria parietina- , a vexetación de mato, abruñeiros e o toxo, que é a especie máis abundantena illa. Nas especies animais destacan as gaivotas patiamarelas e no ámbito dos anfibios, os pintafontes e o sapo pinto, xunto co lagarto arnal, o máis grande de Europa occidental.

Na ría de Arousa

Na mesma ría pero xa máis próxima a costa, está a illa de Arousa. De todas as que dixemos até o momento, é a única que se encontra habitada cunha poboación que ronda as 5.000 persoas. A Unión Europea declarou a parte sur desta illa, ZEPA. Polo tanto, pasou a formar parte tamén do Parque Natural Complexo Intermareal Umia, O Grove, A Lanzada, Pinta do Carreirón e Lagoa de Bodeira.

Entre as especies polas que se declarou parte desta illa como espazo protexido, encóntrase a garza real, as garzotas comúns, cullereiro comúns, carrán cristado, gaivotón, gaivotas chorona, numenius, pilro curlibico e gabita. No campo dos anfibios e dos réptiles, encóntranse especies como a salamántiga, aínda que se están aínda realizando estudos sobre as especies presentes dende a Sociedade Galega de Historia Natural. Preto desta, no oeste da illa de Arousa e formando parte da Rede Natura 2000, atópase o illote o Areoso.

É un pequeno illote de apenas 9 hectáreas situado na parte central da Ría de Arousa, que destaca pola súa xeodiversidade,  biodiversidade e valor arqueolóxico. Os cambios na dinámica sedimentaria, amplificados pola presión turística, está a provocar unha elevadas taxas de erosión que ameazan gravemente este espazo único da xeografía galega. Destacan no campo da xeodiversidade as formacións sedimentarias e formas graníticas que reflicten a evolución da costa galega; na biodiversidade, os hábitats de gran importancia para a cría de aves mariñas como a gaivota patiamarela e a gabita; e por último, na arqueoloxía, 5 túmulos megalíticos de Idade Neolítica (hai 6000 anos aproximadamente), algúns xa arrasados pola erosión, xunto con outras evidencias de actividade humana durante a Idade do Bronce e do Ferro. A crecente chegada de turistas nos últimos anos levou á Xunta a elaborar un plan de xestión, cuxa aprobación está prevista nos vindeiros meses.

Perto da illa da Toxa, encóntrase unha illa non tan coñecida pero con igual valor natural: a illa de Beiro, que pertence a Cambados. Esta illa está incluída na área protexida do Complexo Intermareal Umia-Grove-Lanzada. Dentro deste complexo recóllese flora acuática como a zostera mariña, carrizo, verdello ou ruppia maritima; e flora terrestre como o cardo leiteiro, medicago mariña, herba de namorar, grama de mar. En canto á fauna, podemos atopar especies como a garza branca, a gaivota chorona, o corvo mariño grande, entre outras. A xa mencionada illa da Toxa, comparte ría coa illa de Beiro, pero esta pertence ao municipio do Grove. Tamén recibe o nome de Toxa Grande para diferenciala da illa da Toxa Pequena que está a escasos 100 metros. Esta illa é famosa, actualmente, pola súa actividade relacionada co turismo termal, pero na antigüidade utilizábase para o pastoreo e o aproveitamento agrícola.

A continuación, outra das illas máis famosas da costa galega é a illa de Cortegada. Localizada na parroquia de Santiago de Carril, Vilagarcía de Arousa. Esta illa, xunto coas de Malveiras e Briñas, forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. En concreto a illa de Cortegada é famosa entre a comunidade científica por ter o maior bosque de loureiros de toda Europa, xunto cunha gran concentración de carballos e de piñeiros bravos. As illas de Malveiras e Briñas están recubertas por especies de porte herbáceo e arbustivo, que carecen de masas forestais importantes.

Illas na ría de Pontevedra

Xa na ría de Pontevedra, o primeiro que nos encontramos segundo nos vamos acercando á terra, son as illas Ons. O arquipélago, que pertence ao municipio de Bueu, está formado polas illas Ons e Onza xunto con outros illotes. O arquipélago forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e é das poucas illas do parque que conta con presenza humana constante. Entre as aves que aniñan nesta illa están as gaivotas patiamarelas, os corvos mariños, as choias e o andoriñón real. Xa extinta, pero de gran relevancia, está o arau dos cons, especie moi abundante na antigüidade en todo o parque.

Nos mamíferos, destacan a musaraña común, as londras, os golfiños e o avistamento de cachalotes. No caso da flora, as formacións arbóreas encóntranse desaparecidas aínda que abundaban os carballos. Na actualidade, o que máis abundan son os salgueiros e os amieiros. Unha gran parte da superficie da illa encóntrase recuberta por plantas de porte arbustivo como toxos, breixos, fentos e abruñeiro. Ao contrario que a illa de Ons, a illa de Onza non se encontra habitada debido en gran medida a inaccesibilidade das súas costas. En toda a illa, só hai dúas praias, as cales teñen uns accesos complicados debido á verticalidade dos acantilados. Igual que sucede coa illa de Ons, as formacións arbóreas son nulas e o que predomina son os arbustos.

Nunha zona máis protexida da ría, encóntramos a illa de San Clemente que pertence ao concello de Marín. Famosa por unha antiga romaría e por aparecer nunha cantiga medieval de amigo de Nuno Treez. No último tramo da ría, está a illa de Tambo que estivo ocupada dende o século XX até o 2002 con fins militares. Pertence ao municipio de Poio, e conta con signos de actividade humana dende a Idade de Ferro.

Entre as especies de flora que se atopan nestas illas, destacan as de porte arbustivo debido a que as condicións de vento e salinidade dificultan en gran medida as árbores. O toxo, a xesta, a esparragueira, o trobisco e a xara forman a vexetación de matogueira que cubre gran parte das illas. Por outro lado, a pesar de que resulta difícil a súa expansión, nestas illas podémonos encontrar árbores de repoboamento como o eucalipto e o pino, pouco queda do bosque tradicional ao desaparecer as figueiras ou o cerquiño. No caso da vexetación de litoral, encóntranse plantas como a herba de namorar ou as camariñas.

No caso da fauna destaca a colonia de gaivotas patiamarelas das máis grande de Europa cun total de 30000 parellas. Tamén se encontra unha gran comunidade de corvos mariños cristados con 1.500 parellas. Xunto con estas especies encóntranse outras como aves rapaces, pombos, pardelas, e outras que invernan ou descansan na illa durante a migración. No grupo dos mamíferos terrestres non destaca ningunha especialmente, pero son típicos os coellos, os ourizos e as londras. No caso dos réptiles hai lagartos e cobras. As salamántiga e os sapos son os únicos anfibios que se atopan na illa e no caso dos invertebrados, encóntranse os caracois, os escaravellos, as arañas e as bolboretas.

Na parte somerxida do parque, destacan os bosques de algas pardas. No caso da fauna, debido a gran cantidade de concavidades rochosas, habitan nesta zona nécoras, centolas e polbos. Xa na zona intermareal, destacan as colonias de percebes e mexillóns. Son comúns nestas illas os avistamentos de golfiños, baleas e tartarugas mariñas.

San Simón, a Illa da Memoria que foi campo de concentración

Avanzando cara ao interior da ría, a illa de San Simón. Esta illa tivo gran relevancia a nivel histórico-político e na actualidade está catalogada como sitio histórico dentro da figura de protección Ben de Interese Cultural desde 1999. Durante a Guerra de Sucesión, a illa foi testemuña da batalla de Rande. Volve ter un papel principal durante o golpe de Estado franquista, usouse como campo de concentración e exterminio para os presos políticos que defendían Galiza e a democracia.

Toralla e as Estelas

Por último, na ría de Vigo, encontrámonos a illa de Toralla, que está sometida a constantes debates sobre se se debe de facer o acceso público ou non. Intúese que debaixo da urbanización privada que alí se asenta hai restos dun castro e dunha necrópole romana. Xa por último na costa atlántica, a carón do concello de Nigrán, encóntranse as illas Estelas. Este arquipélago está formado por dúas illas principais: Estela de Dentro e Estela de Fóra e un grupo de illotes chamado As Serralleiras. Está declarada como ZEPVN e LIC debido a presenza de aves como as gaivotas e os corvos mariños; ao igual que especies mariñas como as estrelas de mar, as esponxas, bancos de fanecas, robalizas, congros e sargos, entre outras.

A Pancha e o Penedo

Como ben puidemos ver, na costa atlántica concéntranse unha gran cantidade de illas e illotes. Agora pararemos a ver o caso da costa cantábrica, que conta con 144 km de costa, sendo esta bastante máis pequena. Faremos un percorrido de leste a oeste, comezando por Ribadeo. Comezamos pola que probablemente sexa a illa máis coñecida de toda a costa cantábrica en territorio galego: a illa Pancha. Esta illa, pertencente ao municipio de Ribadeo, é coñecida polo faro que se erixe sobre a súa cima plana.

O faro foi construído no ano 1857, pero quedou en desuso nos últimos anos do século XX. No ano 2014, provocou un gran impacto a rehabilitación do faro como un hotel de uso turístico. O único medio polo cal se pode acceder é unha pequena ponte que a conecta coa terra. A nivel natural o máis destacable é a rompente das olas cando se atopan co baixo rochoso da cara exterior da illa e a gran invasión que sofre a illa por parte da planta unlla de gato (especie invasora). Preto desta, no mesmo concello de Ribadeo atópase o illote de Penedo da Ínsua, sen gran relevancia ecolóxica.

As illas Farallóns e Coelleira

Xa no concello de Cervo, encóntrase ao seu carón as illas Farallóns. Estas illas foron lugar de varios naufraxios a pesar da súa pequena extensión. Un total de 4 naufraxios en 30 anos, sendo a posible causa a súa proximidade á costa e á superficialidade dos seus baixos rochosos. Na costa mariñá non abundan as illas con valores naturais, pero no concello de Xove encontrámonos a illa de Ansarón. Esta, debido á verticalidade dos seus acantilados, convértese nunha perfecta produtora de percebes e supón un lugar para aniñar as aves. Chegando ao final da costa cantábrica, atopámonos a illa de Area.

Na actualidade non está habitada, pero no pasado, chegou a estalo a pesar do reducido tamaño da illa viveirense. Xa no límite, marcado entre as augas do mar Cantábrico e o océano Atlántico, atópase a illa Coelleira, a cal é a de maior extensión da vertente cantábrica galega. Estivo habitada por varias congregacións católicas de monxes ate o século XVI. Con esta última illa, rematamos a viaxe polas illas e illotes da costa galega.