Ocupan a Illa da Creba en Muros reclamando a súa devolución ao pobo

Ducias de activistas acaban de desembarcar na illa para realizar unha ocupación simbólica e pacífica da mesma.
creba2
photo_camera As persoas ocupantes veñen de despregar este rótulo na illa.

Ducias de activistas partiron esta mañá do porto de Esteiro rumbo á Illa da Creba para realizar "unha ocupación simbólica e pacífica desta illa, hoxe privatizada, e que debe ser devolta ao seu lexítimo propietario: o pobo galego" explicou Rodrigo Molinos "Bolato", veciño de Esteiro e voceiro da actual Plataforma pola recuperación da Illa da Creba e do histórico Comité en defensa da Illa da Creba.

Veciñanza de Esteiro, organizada na Plataforma pola recuperación da Illa da Creba, encabezou este acto reivindicativo. Así, despregaron unhas enormes letras nas que se pode ler "A Creba é do pobo". Tamén puido verse unha gran bandeira da patria situada no illote coñecido como A Pedra Vella.

Os activistas colocaron unhas enormes letras co lema reivindicativo «A Creba é do pobo».
Os activistas colocaron unhas enormes letras co lema reivindicativo «A Creba é do pobo».

 

A Illa da Creba atópase na ría de Muros e Noia, a 200 metros de Punta Uhía, na parroquia de Esteiro (Concello de Muros) e desde a Plataforma lembran que "a veciñanza de Esteiro era a propietaria dos terreos comunais da illa até que no ano 1922 se inscribise como ben privado no rexistro do Concello de Outes. A partir daquí todo son irregularidades e aberracións permitidas tanto polo goberno do Estado español como da Xunta de Galiza, como a construción dunha vivenda ilegal na illa no 1981 ou espigóns, rampa e recheos no ano 1989, ocupando 5.140 m2 de dominio público marítimo terrestre" explicou Bolato.

"Semella que o empresario, que hoxe pretende facer negocio coa Illa da Creba, ten patente de corso e cómplices nos gobernos para facer o que quere coa Illa e nós estamos hoxe aquí para dicirlles que non llelo imos permitir, que queremos decidir nós sobre a nosa Illa e que sexa devolta para uso público" declarouo voceiro da Plataforma que, engadiu "o tempo dos señores xa pasou, a Illa da Creba ten que volver ser pública para desfrute da veciñanza de Esteiro e do pobo galego en xeral. Non imos parar até conseguilo" concluíu Bolato.

A illa da Creba, baldío comunal

Recentemente tivo lugar en Esteiro (Muros) a presentación do caderno A illa da Creba. Un baldío comunal, editado pola fundación Galiza Sempre. O acto, que levou por título 'Pola recuperación da illa da Creba', decorreu nun ateigado local social da Esteirana. A illa da Creba atópase na ría de Muros e Noia, a 200 metros da Punta Uhía, na parroquia de Esteiro do Concello de Muros.

Activistas navegan cara á illa da Creba para esixir a súa devolución ao pobo.
Activistas navegan cara á illa da Creba para esixir a súa devolución ao pobo.

 

A privatizada illa da Creba

 

O caderno explica a loita desenvolvida pola veciñanza de Esteiro, propietaria dos terreos comunais da illa, a partir de que se inscribira parte da mesma como ben privado no Rexistro de Outes en 1922. Tamén relata como esta inscrición é aproveitada para a "construción dunha vivenda en 1981" e de "espigóns, rampla e recheos en 1989 ocupando 5.140 m2 de dominio público marítimo terrestre".

O que fora portavoz do Comité en Defensa da illa da Creba, e membro da asociación cultural O Xeito, Rodrigo Molinos 'Bolato', anunciou a posta en marcha dunha plataforma para a recuperación da illa da Creba. “Non podemos deixar que os nosos netos digan de nós que non loitamos por recuperar a nosa illa. Poremos en marcha a Plataforma pola Recuperación da illa da Creba”, declaraban daquela.

Comentarios