As cifras desmenten o alarmismo da Xunta: a 'okupación' cae 31% desde 2019

Unha de cada cinco vivendas está baleira. Na imaxe, mobilización contra un despexo na Coruña, en 2017. (Foto: Stop Desafiuzamentos)
Tres de cada catro despexos debéronse no segundo trimestre de 2021 ao impagamento do alugueiro.

O Goberno galego vén alertando nos últimos meses do "problema agudo" que supón a ocupación ilegal de vivendas na Galiza. No mes de abril, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, apuntaba que se trata dunha práctica que "vai in crescendo", e xustificaba a caída da oferta de vivendas en réxime de alugamento polo "medo das e dos galegos a que lles ocupen a casa" por mor da "inseguridade xurídica" que, dicía, padecen as persoas propietarias.

De feito, a finais do pasado ano o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) asinou un convenio co Consello da Avogacía Galega para dispor un teléfono gratuíto que dea asistencia especializada permanente ás persoas que se consideren afectadas pola 'okupación', un servizo de atención prioritaria do que carecen os colectivos protexidos e as persoas en situación de vulnerabilidade económica ou social.

Porén, as cifras desmenten o alarmismo xerado desde a Xunta da Galiza, que provocou o desembarco no país de empresas como Desokupa ou Mi casa no es la tuya, esta última investigada pola Xustiza en setembro de 2020 por un presunto delito de coaccións no despexo dun edificio en Lugo.

Segunda taxa de ocupación ilegal máis baixa do Estado

O último informe da serie Efectos da crise económica nos órganos xudiciais, que publica de forma trimestral o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), evidencia unha caída das ocupacións ilegais de 18,5% no segundo trimestre de 2021 a respecto do mesmo período do ano anterior, e de 31% en comparanza cos datos de 2019. Así, entre o 1 de abril e o 30 de xuño os xulgados galegos ingresaron 22 demandas por esta causa, fronte ás 32 de dous anos atrás. No primeiro trimestre, a cifra foi de doce.

A Galiza fica cunha taxa de 'okupación' de 0,8 por cada 100.000 habitantes, isto é, o segundo rexistro máis baixo do Estado xunto con Euskadi. Só Asturies e Cantabria, con 0,5, teñen un dato menor.

Cómpre lembrar, así mesmo, que na Galiza hai a día de hoxe perto de 300.000 vivendas baleiras, o que significa que un de cada cinco fogares está deshabitado, segundo os datos máis recentes fornecidos pola Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN, en inglés) na Galiza.

Medran os desaloxos por impagamento do alugueiro

Así as cousas, no segundo trimestre de 2021 os xulgados do país practicaron un total de 447 lanzamentos, dos cales 343 —76,7%— se deberon ao impagamento do alugueiro, derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU).

En termos globais, supón un incremento de 438,6% a respecto dos mesmos rexistros de 2020, un ano condicionado pola pandemia e pola "moratoria" dos despexos en cumprimento da LAU anunciada polo Goberno estatal. Con todo, comparando co segundo semestre de 2019, os lanzamentos totais apenas minguan 32%.

Execucións hipotecarias

Dos 447 desafiuzamentos, outros 89 correspóndense neste último período con execucións hipotecarias, que se multiplican por nove en comparanza co ano precedente e caen en 36% a respecto de 2019. Con todo, hai outros 164 casos da mesma índole pendentes de se resolver, unha cifra superior á dos dous anos anteriores.

Así as cousas, os 15 despexos restantes derivaron doutras causas alén do impagamento do alugueiro e as execucións hipotecarias. Neste apartado quintuplícanse os rexistros a respecto de 2020, e apenas minguan en un caso comparando con 2019.