venres 24/09/21

As entidades xurídicas encabezan as execucións hipotecarias na Galiza

Galiza é o único territorio no que as sociedades superan as persoas físicas no que a execucións hipotecarias de vivendas se refire.
Vivendas en construción (Arxina).
Vista de varias vivendas en construción (Foto: Arxina).

O Instituto Nacional de Estatística publicou onte os datos sobre execucións hipotecarias correspondentes ao segundo trimestre do ano, no que a cifra relativa a vivendas físicas triplicouse na Galiza con respecto ao mesmo período de 2019. En concreto, entre marzo e xullo houbo 68 operacións deste tipo fronte ás 19 do ano anterior, un dato que pode estar condicionado pola moratoria estabelecida polo Goberno español durante a pandemia.

Porén, o dato máis rechamante das estatísticas dadas onte a coñecer é que a Galiza foi neste período o único territorio no que as execucións hipotecarias sobre vivendas foron máis numerosas no caso das persoas xurídicas (sociedades civís, mercantís ou industriais), que no das persoas físicas, con 86 fronte a 68.

O feito de que máis da metade das vivendas con orde de execución hipotecaria (55,8%) sexan de entidades xurídicas ─26,4% máis que de persoas físicas─ dá conta da realidade do mercado inmobiliario galego, no que cada vez cobran máis protagonismo entidades mercantís, o que leva tamén a tensionar os prezos, sobre todo nas grandes cidades, e a dificultar así o acceso á poboación a unha vivenda digna. 

Descenso global

Con todo, os datos de execucións hipotecarias diminuíron no seu conxunto. Na Galiza iniciáronse un total de 277 certificacións no segundo trimestre do ano fronte as 281 do primeiro, o que supón un descenso de 1,42% en comparación co trimestre anterior e de 78,71% respecto ao mesmo período do ano anterior.

Delas, 154 foron sobre vivendas ─as 68 de persoas físicas e 86 de persoas xurídicas─, dez menos que no trimestre anterior. Por estado, 132 eran vivendas usadas e 22 de nova construción. 

A nivel estatal, o número de execucións hipotecarias sobre vivendas habituais disparouse un 253,2% no segundo trimestre do ano en relación a 2020, até situarse en 3.243, a cifra máis alta en catro anos.

No segundo trimestre do ano iniciáronse 9.753 execucións hipotecarias, 18,1% máis que no trimestre anterior e 79,3% por encima do dato do segundo trimestre de 2020. Delas, 9.239 afectaron a fincas urbanas (onde se inclúen as vivendas) e 514 a fincas rústicas.

Restos da burbulla

A estatística do INE recolle que 60% das execucións sobre vivenda habitual corresponden a préstamos asinados antes de 2008, hipotecas que lograron aguantar a crise derivada da 'burbulla' inmobiliaria pero que non resistiron a situación económica derivada da Covid.

Ante esta situación, o Goberno estatal anunciou unha moratoria nas execucións que, como denuncia a asociación de consumidoras de produtos financeiros Adicae, "eran insuficientes, abarcaban un período de tempo demasiado limitado e non eran accesíbeis para unha parte das consumidoras". 

Con todo, apuntan, "o máis preocupante é que  aínda existe un volume oculto pero crecente de hipotecas previas ao 'crack' de 2008 que están a entrar en problemas e que herdan os abusos daquela época, como cláusulas abusivas, gastos desmesurados e uns importes que moitos consumidores non poden asumir".

Moratoria

Neste senso, Adicae exixe unha nova moratoria legal de dous anos aos embargos e execucións hipotecarias, até que se despexen as incertezas e se consolide a recuperación económica.

A entidade volveu exixir á banca "que non se aproveite da vulnerabilidade das persoas consumidoras" e lles ofreza "condiciones asumíbeis" para refinanciar os préstamos.

Tamén instou o Banco de España a vixiar a evolución dos préstamos hipotecarios pois, segundo alertou Adicae nun comunicado, "moitos" dos créditos en moratoria pola pandemia pasarían a dubidosa cobranza "e entrarían en problemas", sobre todo os que resistiran a 'burbulla' de 2008, incidiu.

comentarios