As Anpas de Lugo exixen á Xunta un "plan educativo especial" para o rural

Unha nai e o seu fillo camiñan polas rúas de Becerreá. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
A presidenta de Fapacel, Isabel Calvete, foi quen trasladou esta demanda, ante os "moitos problemas" que se atopan as crianzas escolarizadas no rural galego.

As Anpas de Lugo, agrupadas na Federación de Anpas de Centros Públicos de Lugo (Fapacel), veñen de exixir á Xunta un "plan educativo especial" para o rural.

A presidenta de Fapacel, Isabel Calvete, foi quen trasladou esta demanda, ante os "moitos problemas" que se atopan as crianzas escolarizadas no rural galego.

Calvete puxo o exemplo de dous centros. En primeiro lugar, o colexio do concello de Cervantes, polo "agrupamento" da educación infantil ante a falta de profesores. "É un ataque máis ao ensino no rural. Estamos fartos que se trate así este alumnado", criticou.

Por outra parte, referiuse ao IES Becerreá, do que precisou que "non" ten " optativas porque non ten alumnado". Destacou que, "tendo unha profesora coa praza definitiva de francés, como non hai alumnado que o solicita non se dá".

"Mesmas oportunidades"

A presidenta de  Fapacel afirmou que os pais "están fartos da situación, porque o alumnado do rural ten que ter as mesmas oportunidades que o resto do alumnado galego".

Neste sentido, explicou que xa trasladaron un escrito á Consellaría de Educación para que esta aclare cal é a situación do colexio de Cervantes.

"Temos dous profesores de primaria, un deles fíxose cos nenos de infantil máis primeiro e segundo de primaria, e outra profesora fíxose co resto do alumnado", detallou.