Arrestada a persoa que ameazou o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, en redes sociais

Vivendas ás beiras da muralla de Lugo. (Imaxe: Luis Miguel Bugallo Sánchez)
Trátase dunha veciño de Lugo con antecedentes policiais por delitos leves.

A Policía Nacional española detivo a pasada semana o presunto autor das ameazas contra a integridade física do tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, na rede social Facebook.

Arroxo denunciou o pasado 13 de xullo no seu Twitter varios comentarios dunha persoa que animaba a  "linchar o Rubén Arroxo" ou "cortarlle o pescozo". O tenente de alcalde puxo en coñecemento da Policía Nacional os feitos.

Segundo a investigación dos axentes policiais, trátase dun veciño natural de Lugo, con antecedentes previos por delitos leves, polo que puideron localizalo facilmente.

O proceso de identificación tamén foi doado, xa que esta persoa empregou a súa conta persoal, cos seus datos reais, para verter estas ameazas e comentarios ofensivos contra Arroxo. 

O detido publica habitualmente comentarios despectivos e ameazas contra o Goberno español e integrantes de formacións políticas como BNG, PSOE e Unidas Podemos. Asemade, tamén se poden atopar louvanzas desta persoa ao ditador Francisco Franco no Facebook.

Pintadas ameazantes

En xaneiro deste ano, Rubén Arroxo xa denunciara no seu Facebook ameazas contra el. Naquel caso, tratábanse de dúas pintadas nas que se podía ler  "BNG ladrones fascistas" "Cono bueno el cono muerto".

"'Cono' é a palabra que usan para denominarme a min nas redes sociais coñecidos perfís da ultradereita xunto con algún concelleiro e membros do PP", explicaba o tenente de alcalde de Lugo, que detallou que estas pintadas apareceron nun camiño polo que pasa "con frecuencia".

En conversa con Nós Diario poucos días despois de dar a coñecer as ameazas, Arroxo explicou que non era a primeira vez que as recibía, pero que si o era en pintadas na rúa.

O concelleiro nacionalista non dubidou en sinalar a extrema dereita como responsábel daquelas ameazas. "Lugo é unha cidade moi tranquila, non adoitan ocorrer estas cousas, pero sempre hai xente que se serve do anonimato das redes ou dunha pintada nun muro para cometer estes actos covardes", sentenciou.