Arranca o xuízo aos funcionarios acusados de falsear documentos para permitir a dragaxe da ría de Ferrol

Panorámica da ría de Ferrol [Imaxe: Wikimedia]
Dous altos cargos da Consellaría de Medio Ambiente sentaron esta quinta feira no banco da Audiencia Provincial da Coruña acusados pola Fiscalía de falsidade documental, co obxectivo de ocultar un informe negativo á dragaxe da ría de Ferrol.

En xuño de 2012 Adega fixo público un informe do Servizo de Conservación da Natureza que declaraba o dragado da ría de Ferrol “ambientalmente incompatíbel coa conservación dos hábitats e especies presentes”. O documento saíu á luz unha vez rematadas as obras. Sete anos despois Carlos Muñoz, daquela xefe de Servizo de conservación da natureza da Coruña, e Rogelio Fernández Díaz, ex subdirector xeral de Espazos naturais e biodiversidade, sentan no banco da Audiencia Provincial da Coruña acusados por falsidade en documentos públicos. O Ministerio Público pide para cada un dos acusados seis anos de cárcere e o mesmo período de inhabilitación para o exercicio de calquera función ou emprego público. O xuízo continuará na sexta feira.

A Fiscalía Superior de Galiza denunciara aos dous altos cargos da Consellaría de Medio Ambiente en 2013, pola súa posíbel responsabilidade nos delitos de prevaricación, falsidade documental e delito ambiental. Finalmente no xuízo están acusados unicamente por falsidade documental. Segundo o fiscal, a súa actuación tivo por obxectivo “ocultar a existencia dun informe negativo á obra e disimular ou xustificar dita omisión no seu departamento”.

O autor do informe denuncia "presións"

Na primeira sesión do xuízo, o biólogo do Servizo de conservación da natureza que realizou o informe contrario, e que publicou Adega en 2012, asegurou que sufriu “presións” para mudar o sentido do seu ditame. “Dixéronme que había moitos intereses”, explicou durante a súa declaración como testemuña. O autor do documento reafírmase nas consideracións que o levaron en 2012 a afirmar que a declaración e o informe das obras de dragaxe non cumprían cos requisitos para que se levase a cabo, ao existir “risco” para o medio ambiente.

Segundo a súa declaración, aos poucos días de entregar o informe Carlos Muñoz, entón xefe de servizo, chamou o seu autor do para indicarlle que “chegara devolto de Santiago” e que debía “darlle unha volta”. Muñoz fixo referencia a que existía un informe da estación biolóxica da Graña que avalaba a dragaxe da ría, mais o biólogo insistiu en que “non se axustaba aos parámetros esixidos”. “Díxome que na zona de Ferrol había moitos intereses e que non sería el o que frease o desenvolvemento da ría”, afirmou a testemuña.

Após esta xuntanza, expuxo ante o tribunal a testemuña, Muñoz reuniuse de novo co técnico e con outra compañeira e demandoulles que por conxunto ou separado “modificasen” o informe. “A idea era mudar as conclusións”, explicou o autor. Durante a súa declaración engadiu que recibira “represalias” pola súa negativa. Outra técnica testificou no xuízo que Muñoz tratara de forzala a mudar o informe e, posteriormente, a asinar a declaración de impacto ambiental que daba luz verde ás obras. Ante a súa negativa o propio Muñoz decidiu asinala.

Sete anos após o dragado

Adega xa denunciara ante a Fiscalía de Medio Ambiente e a Comisión Europea as irregularidades cometidas pola Xunta e polo Ministerio na dragaxe da ría de Ferrol. A asociación informara de que Xunta e Portos “aprobaron un proxecto sen os informes preceptivos”, e que unha vez iniciadas as obras “a Xunta cociñou unha autorización ambiental baseada nun suposto informe técnico que non figura no expediente”. O dragado da ría facilitou, entre outros, a entrada e saída de buques gaseiros de Reganosa. Desde 2012 a planta acumula até cinco sentencias do Tribunal Supremo que poñen en cuestión a súa instalación na ría.