FINS EIREXAS

“A chafallada da dragaxe da Ría de Ferrol tiña unha finalidade: favorecer Reganosa”

Fins Eirexas

Catro altos cargos de Medio Ambiente na etapa de Agustín Hernández comparecerán o 6 de xuño como investigados (antes, imputados) por delictos contra os recursos naturais e prevaricación. Están acusados pola Fiscalía por mor dunha actuación de dragaxe “irregular” da Ría de Ferrol en 2011. Conversamos con Fins Eirexas, de Adega, colectivo que denunciou aquel feito. 

Ricardo García-Borregón Millán, ex-director xeral da Natureza con Agustín Hernández, declarará como investigado (antes, imputado) o 6 de xuño, a petición da Fiscalía ambiental do TSXG, pola dragaxe da ría de Ferrol, feito denunciado en 2011 por Adega.  Canda el, outros tres altos cargos investigados: Rogelio Fernández Díaz (subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade), Javier Turrillo Montiel (xefe do servizo de Análise e Proxectos) e Carlos Múñoz (xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña). Todos eles están acusados pola Fiscalía de delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental.  Falamos con Fins Eirexas, da Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza, que coa súa denuncia deu lugar a este proceso.

- Catro ex-altos cargos da Xunta que se van sentar no banco dos acusados a raíz dunha denuncia presentada por Adega. Que vistes naquela dragaxe de 2011 para dar o paso e denunciar?

- Bon, aquela dragaxe tiña unha finalidade clara: gañar calado para que os grandes buques gaseiros poidesen entrar a Reganosa, planta á que agora o goberno en funcións vén de dar bula: o consello de ministros exímea de pasar impacto ambiental, algo incribel. O que nos levou a presentar denuncia é que parte da canle a dragar estaba na Rede Natura, e os fondos mariños desa zona acobillan especies moi sensíbeis, como por exemplo os corais fríos. Son uns hábitats moi raros e delicados, de interese prioritario. Son como 'arcas de noé', que dan refuxio e acobillo a outras especies.

Parte da canle a dragar estaba na rede natura, os fondos mariños desa zona acobillan especies moi sensíbeis, por exemplo os corais fríos. Son uns hábitats moi raros e delicados, de interese prioritario.

Pois ben, que fixeron desde a Xunta e Portos? Comezaron a obrar sen ter sequera rematados os trámites de impacto ambiental. Faltaban informes preceptivos que...apareceron despois. Algo presuntamente cociñado. Unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente. O que había era un informe que desaconsellaba a dragaxe, mais ese agochárono.

- Que agardades que saia deste xuízo?

Esperamos que haxa condeas. Hai cousas que nos levan a pensar que até a Xunta se está preparando para iso. Un destes altos cargos foi degradado e enviado como xefe de servizo a A Coruña, e recentemente deixou de ocupar ese cargo para ser simplemente un funcionario máis. O PP estaría a trazar un 'corta-lumes', un 'control de danos', como agardadando que este vaia 'pagar o pato'.

O medio ambiente para a Xunta é un estorbo, as leis ambientais estórbanlles, está claro.

A experiencia dinos que rara vez un alto cargo paga por delitos ambientais, sempre acaban pagando os subordinados. Recoñezo que estamos espectantes por ver que din a vindeira segunda feira [6 de xuño, data na que terán que declarar como investigados].

- As dragaxes, ao igual que os recheos, foron actuacións que abundaron nas rías galegas durante todos estes anos

Moitas responden a políticas miopes e curtopracistas. Cada ría ten a súa propia dinámica e problemática. Houbo onde as dragaxes ou recheos se fixeron por obras, outras pola compactación dos fondos... Mais si que houbo actuacións con fortes impactos ambientais e fortes impactos produtivos, tendo en conta que estamos a falar de ecosistemas como as rías galegas, únicos.

- É un exemplo o acontecido na Ría de Ferrol do que supón o ambiente para o goberno galego?

É. O medio ambiente para a Xunta é un estorbo, as leis ambientais estórbanlles, está claro. Xa Fraga aprobou a Rede Natura porque se esgotaba o prazo e se non o facía Bruxelas multaría o Estado español. Ese é un feito que permite facernos unha idea do que lles importa o noso medio ambiente. En Ferrol había que pasar por riba de todo para favorecer que os gaseiros entrasen en Reganosa, e fixérono, sen contenplacións. A administración galega, que é a administración que tería que velar e tutelar estas leis ambientais, incumpríndoas.