O ex-director xeral da Natureza defende a legalidade da dragaxe da Ría de Ferrol

García Borregón declarou nos xulgados. Adega reitera a existencia de “probas irrefutábeis” de falsidade documental. Catro ex-altos cargos da Xunta están acusados pola Fiscalía de, entre outros, delitos contra o medio ambiente e prevaricación.

O ex-director xeral da Natureza da Xunta, Ricardo García Borregón, declarou esta segunda feira nos xulgados que a dragaxe da ría de Ferrol no ano 2011 foi legal e cumpriu tódolos trámites. Borregón sinalou, informa a Radio Galega, que se cumpriron todos os protocolos legais e rexeitou as acusacións de Adega, que o acusa a el e a outros 3 ex-altos cargos de elaboraren unha autorización ambiental fraudulenta.
En conversa con Sermos Galiza, Fins Eirexas (Adega) tira ferro a estas afirmacións de Borregón no Xulado. “É  normal que el ía dicir iso”, aponta, ao tempo que engade que o colectivo ambientalista e Fiscalía “temos probas irrefutábeis de que houbo falsidade documental”. Como “investigados” (o que antes se denominaba imputados) por estes feitos atópanse persoas que daquela ocupaban os postos de alta responsabilidade na xestión dos espazos naturais de Galiza, lembra esta asociación: Para alén de García-Borregón (Director Xeral de Conservación da Natureza), están Rogelio Fernández Díaz (Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade), Javier Turrillo Montiel (Xefe do Servizo de Análise e Proxectos) e Carlos Múñoz (Xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña).

Para os ambientalistas, presuntamente "cociñaron", logo de iniciadas as obras da dragaxe da Ría de Ferrol, unha autorización ambiental "fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente".Rematadas as obras, e após as xestións do Valedor e a Fiscalía pola denuncia de Adega, apareceu o informe que, "curiosamente, recomendaba a non execución do proxecto polos seus impactos ambientais".