A RAíZ DUNHA DENUNCIA DE ADEGA

Investigados 4 ex-altos cargos da Xunta por presuntos delitos contra o medio ambiente na dragaxe da Ría de Ferrol

Imaxe: Adega

Un total de 4 altos cargos de Medio Ambiente na etapa de Agustín Hernández están investigados (antes, imputados) por delictos contra os recursos naturais e prevaricación. Están acusados pola Fiscalía por mor dunha actuación de dragado “irregular” da Ría de Ferrol en 2011

Ricardo García-Borregón Millán, ex-director xeral da Natureza con Agustín Hernández, declarará como "investigado" o 6 de xuño a petición da Fiscalía ambiental do TSXG, canda outros tres ex-altos cargos de Medio Ambiente, pola dragaxe da ría de Ferrol denunciado en 2011 por Adega. Así o informa o propio colectivo ambientalista, que sinala que esa obra tiña como finalidade aumentar o calado da entrada da Ría ferrolá para permitir o paso a grandes buques, como os gaseiros de Reganosa. Adega di que no Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela están a se realizar as dilixencias previas relativas a un presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, relacionado coa "dragaxe irregular dos fondos da Ría de Ferrol" dentro da ZEC Costa Ártabra (Rede Natura 2000), executado entre outubro e novembro do 2011.

Como “investigados” (o que antes se denominaba imputados) por estes feitos atópanse persoas que daquela ocupaban os postos de alta responsabilidade na xestión dos espazos naturais de Galiza, lembra esta asociación: Ricardo García-Borregón Millán (Director Xeral de Conservación da Natureza), Rogelio Fernández Díaz (Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade), Javier Turrillo Montiel (Xefe do Servizo de Análise e Proxectos) e Carlos Múñoz (Xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña).

Prevaricación e falsidade documental

Todos eles están acusados pola Fiscalía de delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental. Entre todos presuntamente "cociñaron", logo de iniciadas as obras da dragaxe da Ría de Ferrol, unha autorización ambiental "fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente". Logo de rematadas as obras, e após as xestións do Valedor e a Fiscalía pola denuncia de Adega, apareceu o informe que, "curiosamente, recomendaba a non execución do proxecto polos seus impactos ambientais".