En xuño de 2012 Adega fixo público un informe do Servizo de Conservación da Natureza que declaraba o dragado da ría de Ferrol “ambientalmente incompatíbel coa conservación dos hábitats e especies presentes”. O documento saíu á luz unha vez rematadas as obras. Sete anos despois Carlos Muñoz, daquela xefe de Servizo de conservación da natureza da Coruña, e Rogelio Fernández Díaz, ex subdirector xeral de Espazos naturais e biodiversidade, sentan no banco da Audiencia Provincial da Coruña acusados por falsidade en documentos públicos. O Ministerio Público pide para cada un dos acusados seis anos de cárcere e o mesmo período de inhabilitación para o exercicio de calquera función ou emprego público. O xuízo continuará na sexta feira.
A Fiscalía Superior de Galiza denunciara aos dous altos cargos da Consellaría de Medio Ambiente en 2013, pola súa posíbel responsabilidade nos delitos de prevaricación, falsidade documental e delito ambiental. Finalmente no xuízo están acusados unicamente por falsidade documental. Segundo o fiscal, a súa actuación tivo por obxectivo “ocultar a existencia dun informe negativo á obra e disimular ou xustificar dita omisión no seu departamento”.
O autor do informe denuncia "presións"
Na primeira sesión do xuízo, o biólogo do Servizo de conservación da natureza que realizou o informe contrario, e que publicou Adega en 2012, asegurou que sufriu “presións” para mudar o sentido do seu ditame. “Dixéronme que había moitos intereses”, explicou durante a súa declaración como testemuña. O autor do documento reafírmase nas consideracións que o levaron en 2012 a afirmar que a declaración e o informe das obras de dragaxe non cumprían cos requisitos para que se levase a cabo, ao existir “risco” para o medio ambiente.
Segundo a súa declaración, aos poucos días de entregar o informe Carlos Muñoz, entón xefe de servizo, chamou o seu autor do para indicarlle que “chegara devolto de Santiago” e que debía “darlle unha volta”. Muñoz fixo referencia a que existía un informe da estación biolóxica da Graña que avalaba a dragaxe da ría, mais o biólogo insistiu en que “non se axustaba aos parámetros esixidos”. “Díxome que na zona de Ferrol había moitos intereses e que non sería el o que frease o desenvolvemento da ría”, afirmou a testemuña.
Após esta xuntanza, expuxo ante o tribunal a testemuña, Muñoz reuniuse de novo co técnico e con outra compañeira e demandoulles que por conxunto ou separado “modificasen” o informe. “A idea era mudar as conclusións”, explicou o autor. Durante a súa declaración engadiu que recibira “represalias” pola súa negativa. Outra técnica testificou no xuízo que Muñoz tratara de forzala a mudar o informe e, posteriormente, a asinar a declaración de impacto ambiental que daba luz verde ás obras. Ante a súa negativa o propio Muñoz decidiu asinala.
Sete anos após o dragado
Adega xa denunciara ante a Fiscalía de Medio Ambiente e a Comisión Europea as irregularidades cometidas pola Xunta e polo Ministerio na dragaxe da ría de Ferrol. A asociación informara de que Xunta e Portos “aprobaron un proxecto sen os informes preceptivos”, e que unha vez iniciadas as obras “a Xunta cociñou unha autorización ambiental baseada nun suposto informe técnico que non figura no expediente”. O dragado da ría facilitou, entre outros, a entrada e saída de buques gaseiros de Reganosa. Desde 2012 a planta acumula até cinco sentencias do Tribunal Supremo que poñen en cuestión a súa instalación na ría.