Armadores galegos urxen a Bruxelas subvencións para evitar máis paros

O prezo do combustíbel condiciona o futuro da frota galega. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Piden tamén ao Goberno español medidas específicas dentro do novo decreto contra a crise que aproba este sábado un Consello de Ministras e Ministros extraordinario. 

O presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, pediu celeridade a Bruxelas na repartición de subvencións ao sector pesqueiro e acuícola pola situación bélica en Ucraína: "Necesitamos axudas xa", urxiu.

Touza fixo estas declaracións a Europa Press despois de coñecerse esta semana que a comisión de Pesca do Parlamento Europeo deu luz verde a unha axuda financeira para o sector ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, co foco posto naqueles que non poden realizar a súa actividade e cuxa supervivencia económica está en xogo.

Neste sentido, o directivo explicou que estas axudas contarán cuns 1.000 millóns de euros, a repartir entre a frota comunitaria, procedentes dos remanentes do citado fondo. Para o presidente de ARVI, "non é que sexa moito diñeiro" e "haberá que ver que criterios de repartición estabelecen".

"Aprobouse utilizar o remanente do fondo para paliar os efectos da invasión de Ucraína, pero aínda non hai concreción. A día de hoxe as frotas non recibiron nada", criticou Touza.

"Bruxelas é consciente da situación (da frota galega), pero non podemos esperar toda a súa burocracia para recibir as axudas. Ou apagas agora o lume ou cando vaias apagalo será demasiado tarde", sentenciou.

Medidas do Goberno español

O presidente de ARVI tamén segue con atención as medidas que anunciará o Executivo de Pedro Sánchez este sábado, após o Consello de Ministras e Ministros extraordinario.

Desde o sector pesqueiro solicitaron que, cando menos, se manteña a redución de 20 céntimos por litro de combustíbel até final de ano.

A este respecto, Touza explicou que as petroleiras piden o pago por anticipado, o que está a provocar tensións de tesourería a moitas empresas.

"Estamos nunha situación moi crítica", engadiu, indicando que de seguir así a frota "terá que parar". "As axudas teñen que ser efectivas canto antes para evitar novos paro", concluíu.