A área sanitaria de Ourense segue a duplicar ao resto en casos activos de coronavirus

23/3/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
O informe diario da Dirección Xeral de Saúde Pública da conta de 165 persoas curadas máis e dun total de 3.235 casos activos no total de áreas sanitarias galegas.

Na Galiza permanecen un total de 3.235 casos activos por coronavirus, segundo o último informe publicado pola Dirección Xeral de Saúde Pública hoxe. Isto é, 122 casos menos que na pasada xornada. Paralelamente, leváronse a cabo 2.206 probas PCR máis, as que detectan o xenoma do virus no corpo, ascendendo a un total de 101.036.

Deles, 2.937 corresponden a pacientes que permanecen nos seus domicilios con seguimento telemático, mentres que 37 están ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos e 261 permanecen en planta dalgúns dos centros hospitalarios galegos.

Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee rexistra 787 casos activos, a de Lugo, Monforte e a Mariña 227, 632 a de Ourense, Verín e Valdeorras, 194 a de Pontevedra e o Salnés, 786 a de Vigo, 476 a de Santiago e o Barbanza e 151 a área sanitaria de Ferrol.

Todas as áreas sanitarias rexistraron un descenso nos seus casos activos respecto á xornada de onte. A de Ourense continúa a ser a que rexistra unha maior incidencia do virus, con 207 positivos por coronavirus por cada 100.000 habitantes e dobrando os datos da maioría de áreas restantes.

No extremo contrario atópase a área de Pontevedra e o Salnés, con 66 casos por cada 100.000 habitantes ou a de Lugo, cunha poboación similar á de Ourense mais con 71 casos por cada 100.000 habitantes.

Mudanza nos datos da Xunta

Hai catro días, a Xunta da Galiza modificou os datos da actualización diaria da situación da COVID-19, pasando a contabilizar todas as persoas curadas da enfermidade de golpe nunha mesma xornada. Isto imposibilita realizar unha comparativa no tempo da evolución da doenza na Galiza. Podes seguir o reconto destes e doutros datos, incluíndo as mudanzas no protocolo da Xunta, nesta infografía de Xan Sabarís para Nós Diario.

Segundo os últimos datos fornecidos polo Sergas, o total de curadas é de 5.981 persoas 165 máis que na xornada de onte. En tanto, os falecementos rexistrados ascenden a 557. Tras a revisión clínica de varios casos, a Xunta deu conta da retirada de cinco falecementos ao desligalos da COVID-19.

Residencias de maiores

Nos centros da terceira idade, segundo os informes recadados onte a última hora da noite, continuaban enfermas 530 usuarias e usuarios, 40 menos que antonte. 37 desas persoas foron dadas de alta mentres que dúas residentes faleceron no propio centro e outra no hospital. Entre o persoal permanecen doentes 261 traballadoras e traballadores.

A día de hoxe, a residencia a Nosa Señora da Esperanza, en Ourense, é a que máis casos activos por coronavirus mantén: 72 entre as súas residentes. Domus Vi O Barreiro, en Vigo, e Domus Vi Aldán, en Cangas, dous dos centros intervidos pola Xunta da Galiza, manteñen 46 e 27 casos activos entre usuarias respectivamente.