"En tres días e arredor de 200 probas non atopamos ningún positivo"

Profesionais sanitarios destacan a baixa porcentaxe de positivos detectados na primeira rolda de probas para o estudo epidemiolóxico da Xunta da Galiza (Goberno español).
Xunta e Goberno español están a desenvolver un test de seroprevalencia para debullar a incidencia do virus entre a poboación. Profesionais sanitarios explican que o Sergas mudou tres veces nunha semana o seu protocolo e salientan a baixa taxa de positivos detectados.

O persoal de Atención Primaria da Galiza colabora actualmente con dous estudos epidemiolóxicos sobre a COVID-19, un conducido desde o Goberno español e outro elaborado pola Xunta da Galiza. O da Administración galega comezou o 23 de abril e o estatal o 27. Os dous están baixo sospeita pola cantidade sorprendente de negativos e, sobre todo, despois de saberse que a India ordenou retirar os tests da mesma marca chinesa que empregan Goberno galego e estatal nestes estudos por seren defectuosos, tal e como advertiu o Consello de Investigación Médica da India a través de Twitter.

O obxectivo nos estudos é similar: coñecer que porcentaxe da poboación seleccionada estivo en contacto co SARS-COV-2, o virus causante da COVID-19. Porén, os protocolos difiren. Cando o Ministerio de Sanidade anunciou o seu, fixo fincapé no papel dos servizos de Atención Primaria no proceso. Porén, ese rol será determinado de xeito definitivo polas xerencias das áreas sanitarias. Por exemplo, no caso da ourensá optouse por centralizalo nos hospitais e a través dos servizos de Medicina Preventiva.

Non sempre é posíbel asumir unha carga tan elevada nos centros de saúde, apunta o enfermeiro Álvaro Carrera

"Non sempre é posíbel asumir unha carga tan elevada nos centros de saúde", apunta Álvaro Carrera, enfermeiro na área e voceiro da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), engadindo que as instrucións do ministerio inclúen a realización de enquisas á cidadanía candidata máis extensa e complexa que a do Sergas. "Tamén require desprazarse aos domicilios", engade.

Jesús Sueiro, médico de Atención Primaria en Compostela e voceiro da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), apunta a unha sensación de "descoordinación" entre as Administracións. No caso do estudo estatal na Galiza pártese dunha mostra aleatoria de 6.120 habitantes. O galego abrangue máis de 100.000, das que até onte se realizaran 22.471, e é o persoal de Enfermaría de Atención Primaria o encargado de localizalas.

"As instrucións chegaron na cuarta feira para arrancar na quinta. Nun tempo récord estudamos os protocolos, adaptamos as axendas e a atención ás pacientes", di Álvaro Carrera.

Os protocolos da Consellaría mudaron en tres ocasións desde a pasada semana e as profesionais apuntan á "improvisación". As probas remitidas determinan a presenza de anticorpos a través dunha mostra de sangue do dedo. No caso do estudo estatal recoméndase a maiores unha analítica con sangue venosa.

Se o resultado é positivo non  se aclara se alguén ten a infección, apunta o médico Ramón Veras

"Semella que a fiabilidade é maior no caso das puncións venosas", apunta Jesús Sueiro. "Se o resultado é negativo, teoricamente, pois depende da validez do test, a persoa non tivo contacto co virus”, explica o médico da Coruña Ramón Veras, "se é positivo, se ten a infección ou se xa a pasou non se aclara con este tipo de probas", engade.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, garantiu a pasada semana que aos resultados positivos realizaríaselles unha proba PCR para confirmar a fase da doenza. Porén, o segundo cambio no protocolo ao que tivo acceso Nós Diario non inclúe esa posibilidade. "Sométese a un PCR quen reciba un resultado negativo, mais presenta síntomas propios da COVID-19", confirma Carrera. No caso do estatal, segundo a delegación do Goberno, si se realizarían as PCR a quen obteña un resultado positivo. 
 

Baixa penetración do virus

Sueiro destaca a baixa porcentaxe de positivos detectados. "En tres días e tras 200 probas non atopamos ningún", di. "Indicaría ou que os tests non son fiábeis ou que a prevalencia en Compostela é moi baixa, o cal non é esperábel", razoa este profesional.

"En todas as áreas a maior parte das probas son negativas, algo que xa se esperaba, mais é necesario corroboralo", valora o enfermeiro Álvaro Carrera, apuntando a que o confinamento aprobado co estado de alarma permitiu na Galiza "controlar os abrollos" e limitar o espallamento do virus.