A Xunta desbarata os datos de evolución da COVID-19 ao mudar a forma de cómputo

(Europa Press)
A Xunta variou onte o método polo que computa a incidencia do coronavirus na Galiza e incluíu casos non contabilizados, tanto de persoas falecidas como de altas. A modificación chega un día despois da presentación do Plan para a desescalada, que o Goberno estatal aplicará en función de criterios que inclúen estes datos.

Unha serie de cambios introducidos pola Xunta, tanto á hora de presentar os datos de persoas ingresadas na UCI e hospitalizadas, como de criterio na comunicación das altas médicas de persoas infectadas, e na subministración de información de falecementos ao Ministerio de Sanidade, fixeron descadrar onte as series estatísticas coas que se realiza o seguimento da evolución do coronavirus na Galiza desde o inicio do brote, hai case dous meses.

Estas modificacións chegan o día despois de que o Goberno estatal anunciara o Plan de desescalada, cuxas fases se aplicarán por territorios –en principio, por provincias– de forma "gradual, asimétrica e coordinada" en función dunha serie de marcadores, entre os que inclúen criterios epidemiolóxicos, que permitan demostrar que a propagación da enfermidade diminúe de forma significativa, e unha demostración de capacidade de seguimento axeitada.

O informe co que o Ministerio de Sanidade actualiza a diario a evolución do coronavirus incluía onte unha nota para indicar que Galiza comezaba a notificar os casos acumulados de UCI –até entón, unicamente comunicara datos de prevalencia, isto é, de persoas ingresadas nesa xornada–; nela advertíase tamén dun axuste nos casos que precisaran hospitalización, mudanzas que impediron calcular os casos novos e os correspondentes incrementos de persoas afectadas.

128 falecementos máis

Ademais, segundo se recolle nesa actualización, o Sergas notificou onte 128 defunciones en centros sociosanitarios "que non corresponden a defuncións actuais", xunto coa cifra dos últimos falecementos en hospitais, 7, e incluíu datos de altas domiciliarias. Até entón, as altas que remitía ao Ministerio eran unicamente as hospitalarias.

Desta maneira, os números de persoas recuperadas ascendían de forma drástica no balance diario, desde as 1.841 reflectidas na xornada previa ás 5.393, cun total de 3.552 altas, mentres que os de falecementos totais se incrementaban de 412 a 547. Por primeira vez, informe recolle o acumulado de ingresos en UCI na Galiza, 308.

Preguntado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sobre os motivos desta modificación na subministración dos datos, este remitiuse unicamente ao aumento de altas sanitarias, que vinculaba coa "revisión da historia clínica de case 5.000 persoas" dadas de alta tras pasar a enfermidade no domicilio. "Onte finalizamos esa revisión e vimos con exactitude o número", manifestou, xustificando o momento de introducir esta información nova pola dificultade de revisar estas historias.

A cifra de altas non corresponde, pois, á data de onte, senón a períodos que, segundo sinalou o director do centro de coordinación de emerxencias sanitarias, Fernando Simón, na súa comparecencia, será difícil de determinar. Chega, ademais, un día despois de que o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas reclamase a Feixoo "transparencia e lealdade" na subministración dos datos, como "requisito fundamental para combater a expansión da epidemia".

A comunicación, que tamén a diario publica o Sergas sobre o rexistro de coronavirus, incluía onte unha anotación na que se indicaba que, "de acordo co novo protocolo estabelecido polo ministerio", a información pasa a facilitar tamén o dato de altas epidemiolóxicas (pacientes que curaron), ademais das hospitalarias. Desta maneira, o seu cómputo baixaba dos 6.947 casos totais de coronavirus na Galiza da pasada terza feira aos 3.526 un día máis tarde.

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, en declaracións a Galicia Press, sinalou que os cambios no cómputo responden á adaptación "ás modificacións propostas polo ministerio á hora de facilitar os datos e de actualizalos". Ao contrario que Feixoo, neste caso si deu unha explicación aos 128 falecementos remitidos onte ao Ministerio de Sanidade, que xustificou pola acumulación que se fará, de agora en diante, das comunicacións de decesos que se facían desde a Consellería de Sanidade, no caso das mortes hospitalarias, e desde Política Social, no que atinxe ás residencias.