10 chaves para saír da casa a partir deste sábado

As persoas maiores de 14 anos poderán pasear e facer deporte, tamén co seu can, por espazos públicos e zonas verdes (Europa Press).
A fase cero da desescalada suma novas concesións. Desde hoxe, 2 de maio, as persoas maiores de 14 anos, sen síntomas nin residentes en centros sociocomunitarios, poden saír á rúa para facer deporte e pasear unha vez ao día. A medida presenta condicións que afectan aos horarios e á propia mobilidade.

Desde este sábado, 2 de maio, pódese saír da casa para pasear e para facer deporte de forma individual, sen contacto con outras persoas. É a segunda medida de alivio anunciada polo Goberno estatal no marco da fase cero da desescalada, preparatoria para o inicio do desconfinamento. Unha semana despois das primeiras saídas das crianzas, o permiso esténdese á maior parte da poboación, mais con limitacións. Isto é o que hai que ter en conta antes de saír da casa.

Unha vez ao día

Tanto os paseos como as saídas para facer deporte están permitidos unha vez ao día sen límite de tempo, mais sempre respectando as franxas horarias estabelecidas para cada grupo de idade. Esta orde afecta ás persoas de 14 anos ou máis, xa que as crianzas menores deben seguir atendendo os seus propios criterios.

Un paseo, un quilómetro

As condicións para as persoas maiores de 14 anos seguirán un patrón similar ao fixado para a infancia. Un paseo ao día e a non máis dun quilómetro da casa. Ao igual que a cativada, poderán camiñar por espazos públicos, por zonas verdes e contornos naturais autorizados polas Administracións locais. A novidade está en que esta actividade poderase realizar a canda outra persoa adulta, ben coa que se conviva ben coa coidadora habitual.

Deporte, sen contacto

E dentro do propio municipio. As condicións para esta nova concesión son máis flexíbeis. Pódese saír para facer exercicio de forma individual unha vez ao día, por vías e espazos públicos, ao aire libre, sen entrar en contacto con outras persoas e sen límite de tempo dentro das horas previstas. A norma estabelece que non se pode coller ningún vehículo a motor para ir facer deporte a outro lugar, nin parar moito tempo a descansar.

Franxas horarias

Sanidade marcou tres horarios diferenciados para cadanseu grupo de idade. As persoas adultas poderán estar na rúa de 6 a 10 e de 20 a 23 horas. As maiores de 70, e con dependencia, de 10 a 12 e de 19 a 20 horas. As menores de 14 anos teñen permiso para saír entre as 12 e as 19 horas.

Menos de 5.000 habitantes

As limitacións horarias e as restricións de tempo non afectan aos concellos de menos de 5.000 habitantes, uns 200 na Galiza.

Saídas compatíbeis

Os novos permisos casan coas saídas permitidas desde o inicio do estado de alarma: ir ao médico, á compra, mercar o xornal ou medicamentos. Tamén cos paseos da rapazada. Pódense facer unhas e outras.

Crianzas

As regras que se aplican aos paseos das crianzas non mudan. Unha hora, un quilómetro, unha vez ao día, acompañadas dunha persoa adulta e sen pisar parques nin zonas de xogo.

Non poden saír...

As persoas que presenten síntomas, que estean en corentena ou en illamento domiciliario. Tampouco as residentes en centros sociocomunitarios, por pertencer a un dos colectivos máis vulnerábeis.

Uso de máscaras

Non é obrigatorio, mais o Goberno estatal anunciou que é "altamente recomendábel en todas as fases" da desescalada.

Coidado das hortas

Pódense atender os terreos que estean no propio concello ou no limítrofe. E pódese sobrepasar este límite para coidar de animais ou recolectar produtos agrícolas para o autoconsumo. O traballo deberá ser individual, salvo acompañamento de menores ou persoas con discapacidade.