No que vai de domingo, 25 lumes

Arde Galiza: 80 incendios desde o sábado

[Imaxe: @EloyTP] Incendio en Pazos de Borbén

Nas últimas horas, o país está a sofrer unha grande actividade incendiaria que se concreta en máis de 80 incendios desde este sábado, catro deles de importantes dimensións.

Máis de 80 incendios que superan as 20 hectáreas de superficie están a asolar Galiza. Só desde as 00h deste domingo rexistráronse un total de 25 lumes.

 

Segundo os dados fornecidos pola Xunta, traballan na loita contra o lume 350 brigadas, 220 motobombas, 40 pas e 20 medios aéreos, alén de 160 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), con 18 autobombas e 6 nodrizas. O Goberno galego informa de que se esperan, nas próximas horas, outros 100 efectivos.

 

En Ponteareas-Padróns rexistrouse un incendio que tivo lugar ás 00.26 desta madrugada e que afecta Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior. Traballan para a súa extinción, segundo a Xunta de Galiza, 2 técnicos, 4 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 5 pas, 1 avión e 3 helicópteros. Tamén participan efectivos da UME. Segundo estimacións provisionais, afecta arredor de 1.500 hectáreas. En declaracións a Sermos Galiza, veciñas e veciños de Soutomaior lamentan que ao redor das 9h o lume avanzaba polo monte do lugar de Moreira e non había efectivos nin recursos ningúns a esas horas. "Os reténs non daban feito, porque estaba todo rodeado, había dous focos importantes e priorizaban a zona de casas, porque onde linda Soutomaior con  Amoedo (Pazos) había casas co lume na porta", afirma unha veciña.

 

No concello de Pazos de Borbén, pola proximidade a bens non forestais (principalmente vivendas e mesmo unha gasolineira), foi necesario decretar a situación de alerta 2. De feito, en Amoedo (Pazos) ardeu unha nave de material de construción moi próxima á estación de servizo e un almacén dunha coñecida casa de cervexas. Dada a súa virulencia, este incendio é, arestora, o que máis preocupa aos medios de extinción. A conselleira do Medio Rural desprazouse ao Posto de Mando Avanzado de Pazos de Borbén para supervisar os labores de extinción.

 

Máis incendios

 

Outro lume afecta o concello de Boiro, á parroquia Cures, onde se iniciou ás 00,45 horas e no seu control traballan 1 técnico, 7 axentes, 12 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 avión e 1 helicópteros. Neste lume foi preciso decretar a Situación 2, como medida preventiva, pero xa foi desactivada.

 

Aliás, rexístrase un lume de importancia no concello de Montederramo, que afecta tamén o termo municipal de Vilar de Barrio. Comezou ás 01,01 horas desta madrugada e no seu control actúan 1 técnico, 6 axentes, 9 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero. Colaboran ademais efectivos da UME.

 

Tamén está activo un lume no concello de Cervantes, na parroquia Donís. Para a súa extinción mobilizáronse 11 axentes, 36 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 15 helicópteros e 2 avións.

 

A Xunta insiste en facer un chamamento á cidadanía para que denuncie "calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento" e reclama que alerte dos incendios que localicen a través do número gratuíto 085.

 

Cómpre lembrar que os incendios que activos na Galiza poden superar os 80 aos que facemos alusión, pois a Consellaría de Medio Rural non informa dos lumes que afectan menos de 20 hectáreas.

 

O dispositivo anti-incendios da Xunta, desmantelado

 

Os lumes que están a ter lugar en outubro colleron co pé cambiado á Consellaría de Medio Rural, que tería desactivado parte do dispositivo anti-incendios, segundo denunciou o BNG a pasada sexta feira. O deputado Xosé Luís Rivas "Mini", criticou a precariedade do servizo "con traballadores que contan con contratos fixos discontinuos de tres meses". Parte dese persoal, di, tería sido recrutado de novo durante estes días de lume.