Máis de 2.000 hectáreas ardidas nos últimos días

BNG critica a "imprudencia" da Xunta ao "desmantelar" o dispositivo anti-incendios ao final do verán

De acordo coa información fornecida por Medio Rural, neste momento na Galiza hai un total de 15 incendios, entre activos, estabilizados e controlados. Esta vaga de lumes devorou xa máis de 2.000 hectáreas. A oposición critica a Xunta por ter relaxado o dispositivo anti-incendios á conclusión do verán. O deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' falou esta sexta feira de "tremenda imprudencia" do Goberno galego.

Galiza rexista a tal hora 4 lumes activos, en Paderne de Allariz, San Cristovo de Cea, Vilamarín e Chantada. Hai tres estabilizados, en Vilariño de Conso, nas parroquias de Chaguazoso, Castiñeira e Sabuguido, mentres que son 8 os incendios que estarían xa controaldos.

 

As lapas alcanzaron superficies arboladas de dous espazos de grande valor ambiental, o Parque Natural do Xurés -en plena rede natura 2000- e Os Ancares.

 

A vaga de lumes deste outono está a ultrapasar a capacidade de resposta da Administración autonómica, segundo a oposición. O parlamentar do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' dixo esta sexta feira en conferencia de imprensa que "nunca foi oficio do BNG en tempos duros criticar por criticar, mais foi tremenda imprudencia desactivar o dispositivo".

 

Á conclusión da temporada do verán, a Xunta tería desactivado parte do dispositivo anti-incendios, nutrido con traballadores "con contratos fixos discontinuos de tres meses", denunciou Rivas. Parte dese persoal tería sido recrutado de novo durante estes días de lume, que sobre todo teñen atinxido concellos de Ourense.

 

A falta de previsión e a inexistencia dun servizo "100 por 100 público" e que atenda a eventualidade do lume "os 365 días do ano" é o que explicaría a desprotección do país perante vagas de lume como a que se está a viver neste momento.