Os incendios arrasan máis de 2.100 hectáreas en Galiza no que vai de mes

Imaxe: @BrifLaza

Os lumes cébanse con áreas de alto valor ambiental, como Courel ou Parque Natural do Xurés.

Outubro está a ser un mal mes no que respecta a loita contra os incendios. No que vai de mes, as lapas arrasaron máis de 2.100 hectáreas, unha superficie que vai en aumento pois a primeira hora desta mesma sexta feira, 13, hai 14 lumes activos. Os incendios son nos concellos de Vilariño de Conso, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Lobios, Vilar de Barrio, Folgoso do Courel, Chantada, Cervantes e Silleda.

 

A propia Xunta afirma que nestas dúas semanas houbo 235 incendios, intentando centrar os focos na “intensa actividade delictiva” e situar en zona de sombra as críticas pola falla de medios e persoal ou unha mala política forestal. O propio Núñez Feijóo apresurouse a saír a afirmar que o despedimento de 436 brigadistas a comezos deste mes non afectaba á loita contra os incendios.

 

Os lumes cébanse en zonas como O Courel ou o Parque Natural do Xurés, de gran valor ambiental. A ausencia de choivas, as altas temperaturas e o vento conforman o escenario perfecto para favorecer a vaga de incendios.

Os pasados meses de decembro e xaneiro houbo unha media de 3 incendios diarios

Mais Galiza debe de asumir que estamos perante unha nova realidade climática, na que xa non hai os outonos e invernos chuviosos de antano. Unha situación que ratifica un informe de Atrifoga, a Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza, que apontaba que entre decembro de 2016 e xaneiro de 2017 houbo no noso país perto de 180 lumes forestais, dous terzas partes dos cales decorreron en Ourense.

 

E no inverno de 2015 houbo tamén importantes lumes forestais no país. En moitos casos nas mesmas zonas onde tiveron lugar os de 2016. E, lembra Atrifoga, en anos anteriores tamén fóra da tempada de alto risco houbo importantes incendios, situación descoñecida anos atrás en Galiza. Dan dous exemplos: marzo de 2012 as Fragas do Eume, calcinando 800 hectáreas; e no mesmo mes lume no Courel que arrasou 230 Has. En decembro de 2013, un lume afectou 300 hectáreas na Serra do Xurés, unha zona que está a arder tamén agora, en outubro de 2017, con máis de 800 hectáreas afectadas.

 

Falta de medios

 

Atrifoga lembraba hai uns meses que a Consellaría de Medio rural ten como política cesar a finais de setembro 436 traballadores contra o lume con contratos de 3 meses e dous meses despois prescindiu de máis de 600 traballadores con contratos de 9 meses. “Deixa o servizo de incendios baixo mínimos”, afirma a asociación, o que supón ficar sen profesionais fronte épocas nas que, para alén de tarefas e traballos de prevención, tamén son agora de facer fronte a incendios.