Unha arbitraxe internacional volve fechar á mineira Edgewater a porta a Corcoesto

Corcoesto
A mineira canadense informou en 2016 ao Estado español dunha demanda de arbitraxe despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e o Tribunal Supremo avalasen a decisión da Xunta de cancelar o seu proxecto mineiro.

A decisión da Xunta da Galiza de dar por finalizada unha concesión mineira en Corcoesto, na Costa da Morte, a través da cal a multinacional canadiense Edgewater planificou a apertura dunha explotación de ouro, deu pé a un longo proceso por diferentes tribunais despois de que a compañía recorrese esa anulación.

No camiño, a multinacional escalou os distintos rangos xudiciais batendo de negativa en negativa. Así aconteceu en 2018, cando o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza avalou a decisión da Xunta e mais en marzo de 2019, cando a decisión do Alto tribunal foi respaldada polo Supremo.

O 14 de abril deste 2020, un comunicado emitido por Edgewater dá conta do seu último e fracasado intento. Así o informou Ciar Global na xornada de hoxe.

Após a cancelación do proxecto de Corcoesto a compañía interpuxo demandas ante Competencia, na Audiencia Nacional, e de arbitraxe ante o Reino de España. O obxectivo era recuperar o seu investimento no citado proxecto, que Edgewater cifrou en 35 millóns de dólares.

A demanda internacional de arbitraxe foi comunicada de maneira definitiva en maio de 2016 ao Estado español. Daquela, Edgewater trasladou os dereitos do proxecto de Corcoesto a Panamá para poder presentar a demanda.

Así, a arbitraxe invocou o tratado bilateral te investimentos entre o Estado español e Panamá e administrouse segundo a normativa da Comisión das Nacións Unidas para o Dereito Mercantil Internacional.

A audiencia foi celebrada en abril de 2018 en París. Segundo o comunicado de Edgewater, naquela altura o tribunal arbitral confirmou, por maioría de dous letrados contra un, unha das obxeccións trasladadas pola defensa do Estado español, desestimando así a reclamación mineira.

Contestación social

Os plans da mineira canadense Edgewater deron pé a intensas mobilizacións sociais na Costa da Morte. A veciñanza organizada reclamou a paralización do proxecto debido a perigosidade que, sinalaban, supoñía para o medio e as súas habitantes.