A mineira de Corcoesto

Edgewater afirma que un alto cargo de Sacyr lle pediu 1,5 millóns para Feijóo e a súa contorna

Mobilización contra o proxecto de Edgewater

Avanzouno esta cuarta feira o dixital InfoLibre. A multinacional canadiana afirma que un intermediario -alto cargo de Sacyr, grande constructora española coa que Edgewater mantivo unha alianza- lle transmitiu no seu día que o proxecto de Corcoesto só iría adiante se se efectuaba un pagamento de 1,5 millóns de euros a Feijóo e altos cargos do seu goberno. 

Ao serlle denegado por parte da Xunta o permiso de explotación de Corcoesto, a multinacional canadiana Edgewater iniciou unha ofensiva contra a administración galega perante os tribunais. Primeirou apresentou un contencioso administrativo, un recurso en que xa deslizaba que desde a contorna de Feijóo se exixía un diñeiro -unha mordida- a cambio de facilitar a autorización para abrir a mina. A seguir, rexistou unha denuncia de arbitraxe. A multinacional demanda unha indemnización por ter investido 20 millóns de euros no proxecto.

 

A Xunta negou a autorización para explotar Corcoesto -con decisións adoptadas entre outubro de 2013 e febreiro de 2015- perante a falta de garantías económicas e técnicas oferecidas por Edgewater e perante tamén a forte oposición social que se ergueu contra a autorización da mina de ouro.


Edgewater filtrou no seu momento aos meios un correio electrónico enviado polo seu presidente, George Salamis, ao xerente da súa filial, Mineira de Corcoesto, en que a multinacional canadiana se gababa de que pagar mordidas a cambio de concesións públicas non facía parte do modus operandi da empresa.

 

A Xunta contra-atacou cunha demanda por calumnias contra a multinacional perante o xulgado de instrución número 3 de A Coruña. A acción xudicial non surtiu efeito e foi arquivada en maio do ano pasado. O goberno galego apresentou unha apelación contra o arquivo e na documentación que sustenta o seu recurso aparecen as graves acusacións de corrupción deitadas por Edgewater contra Feijóo e a súa contorna, contidas na denuncia de arbitraxe interposta pola mineira contra a Xunta. Son esas acusacións as que trascenden agora a partir da información publicada por InfoLibre.

 

A apelación da Xunta tampouco foi tida en conta pola Audiencia Provincial, órgao que confirmou o arquivo do asunto decretado polo xulgado número 3 de A Coruña. A Audiencia argumenta que as acusacións de corrupción, embora seren graves, escapan da "esfera penal" por non implicaren "unha imputación certa, directa e eficaz".

 

As acusacións contra os altos cargos do goberno galego formúlaas directamente o presidente de Edgewater, George Salamis, quen no documento apresentado pola multinacional na demanda de arbitraxe di literalmente o seguinte: "En outubro de 2014, un alto cargo de Sacyr díxome que teríamos que pagar 1,5 millóns para obter o permiso para o desenvolvemento do proxecto de Corcoesto e que estes fondos se distribuirían entre altos cargos da Xunta, incluíndo o presidente Feijóo e o señor Tahoces [director xeral de Enerxía e Minas]" . 

 

O documento leva por título Notice of arbitration e nel sinálase tamén que uns intermediarios -cuxa identidade non se precisa- demandaron "pagamentos ilícitos" no outono de 2014 para os librar a cargos do goberno galego, "incluídos o presidente Feijóo e Agustín Hernández", ex conselleiro de Meio Ambiente e a quen na demanda de arbitraxe se lle atribúe o inexistente cargo de "vicesecretario xeral da Xunta".