O TSXG resolve, 5 anos despois, a favor da Plataforma no acceso aos permisos mineiros en Corcoesto

Corcoesto

A sentenza recoñece que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados.

Durante a loita contra o proxecto mineiro de Corcoesto, un dos temas que preocupaba era o da posíbel caducidade das concesións. Entre os activistas da Plataforma de Corcoesto existía a convicción de que as concesións mineiras non estaban vixentes, algo que invalidaría o proxecto. A finais de 2012, un integrante da Plataforma contra a mina solicitou acceso á documentación relativa a ditas concesións, coa intención de comprobar se as sospeitas eran certas. Esta documentación non se lle facilitou, polo que interpuxo unha demanda.

 

Após máis de cinco anos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de resolver a favor do integrante da Plataforma contra a mina que realizou esa solicitude. Na sentenza, informa a Plataforma, recoñécese sen ningún xénero de dúbida o dereito desta persoa a acceder á documentación solicitada, condénase expresamente á administración demandada (a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña) a expedir e entregar copias dos documentos relacionados co estado das concesións.

 

A sentenza recoñece así, di a Plataforma, que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados. É lamentable que esta sentencia chegue con tantos anos de retardo, di este colectivo.