Edgewater márcase como obxectivo sacar adiante a mina de Corcoesto

Faixas contra a mina de Corcoesto [SG]

O propio presidente da compañía afirma que están ‘’centrados’’ en ‘’avanzar no proxecto aurífero’’ de Cabana de Bergantiños, segundo desvela Economía Digital.

A piques de se cumprir en outubro un ano desde que a Xunta anunciase a cancelación definitiva do proxecto aurífero que Edgewater quería realizar en Corcoesto (por non reunir as garantías técnicas e económicas precisas), a multinacional canadiana quer sacar adiante a mina. Así o desvela Economía Digital, que fai referencia a unha carta do propio presidente de Edgewater, George Salamis, na que di que o seu grupo “está centrado en avanzar co proxecto aurífero de Corcoesto, no noroeste de España”.

Mineira de Corcoesto estaría mesmo disposta, sinalan en ED, a recorrer á vía xudicial e demandar á propia Xunta por danos patrimoniais se o proxecto non se retoma ou ben non se lle compensa polo investimento feito. 

Ed tamén entende que hai unha serie de indicadores que veñen amosar o interese da empresa canadiana en Galiza, como o feito de que tramitan 18 solicitudes máis na contorna de Corciesto. E que mesmo ten coma un obxectivo prioritario "obter todos os dereitos mineiros dispoíbeis, tanto nos arredores de Corcoesto como noutras zonas ao longo do que se coñece como cinturón aurífero de Malpica-Tui".