Parlamento

Aprázase a Comisión Parlamentaria da CRTVG por mor dunha afonía de Sánchez Izquierdo

Alfonso Sánchez Izquierdo compareceu na Cámara galega. (Foto: Europa Press)
Os grupos da oposición no Parlamento (BNG e PSdeG) manifestaron o seu apoio á convocatoria de folga dos traballadores da CRTVG para o 6 de marzo.

Este terza feira estaba prevista a conparecencia no Parlamento galego do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo mais este viuse obrigado a aprazar a a devandita comparecencia ante a Comisión parlamentaria da CRTVG debido a unha afonía.

O director xeral do ente público desde o ano 2009 acudiu ao Pazo do Hórreo, pero pediu aos grupos pospor a súa comparecencia debido a un problema na voz co que se espertou na mañá desta terza feira.

Folga na CRTVG

Os grupos da oposición no Parlamento (BNG e PSdeG) manifestaron o seu apoio á convocatoria de folga dos traballadores da CRTVG para o 6 de marzo.

Ambos os grupos coincidiron en denunciar a existencia dun "ambiente irrespirábel" polas "imposicións" dunha dirección do ente público "a servizo do Partido Popular".

Fronte a estas críticas, o portavoz do PP galego no Pazo do Hórreo, Pedro Pui, respondeu que a radiotelevisión pública da Galiza "é un exemplo de xestión" tanto a nivel económico como en "capacidade para informar" como, di, referendan os seus datos de audiencia.

Nun comunicado remitido aos medios a pasada quinta feira, o comité intercentros sinalou como motivos detrás da convocatoria reclamar "o cesamento dos abusos e restabelecer un clima laboral respectuoso cos dereitos" dos traballadores do ente público, así como "erradicar o trato degradante" que "persoas con superioridade xerárquica e funcional inflixen" aos traballadores ao seu cargo.

Ademais, reclaman "realizar sen demora o estudo sicosocial" acordado no comité de seguridade e saúde laboral e repor nos seus medios de orixe ao persoal que foi "trasladado como castigo" da radio para internet ou televisión e da televisión para a radio.

Esta terza feira, o deputado do BNG na Cámara galega, Luís Bará, e o portavoz do PSdeG Luis Álvarez trasladaron o respaldo das súas formacións políticas ás reivindicacións da mobilización dos traballadores do ente público.

En palabras do parlamentario nacionalista, os medios de comunicación públicos da Galiza atravesan unha "situación límite" polos "niveis de persecución" aos seus empregados, con "traslados" e "represalias" como "castigos" por parte da dirección contra "aquelas persoas que exercen a súa liberdade de expresión e defenden os seus dereitos".

Para Álvarez, a actual dirección provocou un "ambiente irrespirábel" pola súa "persecución" e os "traslados forzosos" aos traballadores "que se negan a manipular e defenden a pluralidade" dentro duns medios públicos "que deberían estar ao servizo dos galegos e non ao servizo do PP".