Unanimidade no Parlamento para pedir un protocolo contra agresións sexuais no lecer nocturno

A proposición foi presentada pola deputada do BNG, Olalla Rodil e sufriu unha modificación após unha emenda por parte do grupo do Partido Popular.
Sesión do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sesión do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O Parlamento da Galiza aprobou esta cuarta feira por unanimidade instar a Xunta a que elabore un protocolo de prevención e intervención contra as agresións e abusos sexuais no lecer nocturno.

O texto da Proposición Non de Lei aprobado no Pleno da Cámara insta a abrir un proceso de diálogo con representantes do lecer nocturno, no marco do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, para o protocolo que deberá incluír, entre outras, actuacións en todos os ámbitos (incluídos o sanitario e o policial), así como formación e información específica dirixida ao persoal dos estabelecementos.

Piden tamén que se publique o protocolo e todo o material ligado a el a través do portal Web da Xunta "para garantir a súa difusión entre os estabelecementos e calquera persoa que a título individual o queira coñecer".

A proposición foi presentada pola deputada do BNG, Olalla Rodil que lembrou o ocorrido na noitevella de 2022 nun local nocturno de Barcelona coa presunta violación do futbolista Dani Alves nunha discoteca na que "afortunadamente todo o persoal recibira información en materia de violencia machista".

Facía referencia ao protocolo posto en marcha pola Generalitat. "Na actualidade, o Goberno español só conta cunha guía violeta que non aborda de forma específica o lecer nocturno nin supón protocolo de ningún tipo e sen medidas concretas ao ser exclusivamente unha guía de carácter xeral", explicou.

Así, xustificou a presentación desta proposta, "para que situacións como esta ou outras que ocorren no noso país e poden seguir ocorrendo, sexan abordadas con todas as garantías e coas ferramentas necesarias para blindar os dereitos das mulleres agredidas, a súa atención, acompañamento e protección, e formar e informar todo o persoal dun sector que, polas súas características, rexistra moitas das agresións sexuais que se producen na Galiza".

Desde o PSdeG expresáronse na mesma liña, lembrando que o lecer nocturno supón un "contexto habitual" para este tipo de agresións e que ademais adoita darse "unha maior permisividade, chegando a xustificarse".

É por este motivo que ven necesario a creación e aplicación dun protocolo que se aplique con perspectiva feminista.

Apuntaron tamén a idoneidade de crear "espazos seguros" e de incorporar a educación afectivo-sexual á educación formal. "As agresións sexuais deben combaterse con educación", afirmaron.

Emenda

Pola súa parte, a deputada do PP Rosalía López lamentou "a alta frecuencia coa que as mulleres sofren violencia sexual, así como o amplo espectro de violencias sexuais que, por desgraza, están normalizadas nesta sociedade, así como o carácter estrutural e sistémico das mesmas".

A portavoz do grupo popular, Rosalía López Sánchez, propuxo unha emenda ao texto proposto pola formación nacionalista. Finalmente, Rodil propuxo unha transacción para alcanzar un acordo.

Comentarios