A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) advirte que, "por lei", a adscrición dos terreos de Lourizán (Pontevedra), nos que se sitúa a pasteira de Ence, ao Porto de Marín depende de que a propia empresa abandone o seu actual emprazamento. A Xunta formula precisamente a proposta de adscribir estes terreos de Pontevedra ao Porto de Marín para así non dar cumprimento ás resolucións da Audiencia Nacional que obrigan Ence a saír do seu actual emprazamento.
A través dun comunicado remitido a medios este domingo 19 de decembro e asinado polo seu presidente, Antón Masa, a APDR recalca que esta operación, defendida pola Xunta en base a un ditame do Consello Consultivo da Galiza, "só se podería facer" unha vez os terreos "estean libres".
Segundo a asociación, o que "realmente" pretende reivindicar tanto o Goberno galego como un sector do persoal da pasteira é "a adscrición de Ence ao porto, algo ben diferente á adscrición dos terreos de Lourizán e radicalmente contrario" ao que avala o Consello Consultivo.
Neste sentido, APDR sinala que "por lei" esta compañía "non ten cabida en terreos portuarios". "Tanto a Xunta como a Autoridade Portuaria de Marín como a propia Ence e os sindicatos saben que isto é así. Con todo, non teñen reparos en promover e ou apoiar unhas posicións e unhas loitas que, saben perfectamente, están abocadas ao máis rotundo dos fracasos", lamenta Masa.
Con todo, a asociación asegura que as posibilidades de adscribir os terreos ao Porto de Marín son "moi remotas" mesmo aínda que a pasteira non estivese alí. Isto é así porque precisaría dos informes favorábeis de "cando menos" os ministerios de Transición Ecolóxica, Transportes e de Asuntos Económicos, que "non parecen estar polo labor".
Ademais, a APDR insiste en que esa zona que actualmente está ocupada pola factoría "tense que recuperar para o uso e goce do conxunto da cidadanía" un obxectivo ao que a asociación non pensa “renunciar”.