Aparecen varias pintadas no Concello de Palas de Rei contra a fábrica de viscosa

Pintadas na fachada do edificio do Concello de Palas de Rei. (Foto: Europa Press)
O Goberno local afirmou que xa puxo unha denuncia de maneira oficial para atopar a persoa ou persoas autoras das pintadas.

O edificio do Concello de Palas de Rei amenceu esta terza feira con pintadas en contra da fábrica de viscosa que Altri ten pensado instalar no municipio co apoio da Xunta.

Nas pintadas poden lerse consignas como 'Industria veleno non', 'Eucaliptos non' ou 'Non á industria lixo', entre outras.

O Goberno local afirmou que xa puxo unha denuncia de maneira oficial para atopar a persoa ou persoas autoras das pintadas.

Neste sentido, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada (PP), lamentou estes feitos e lembrou que "todas as persoas que teñan algún tipo de queixa ou suxerencia" contan con alternativas "para mostrar a súa desconformidade sen atentar contra o patrimonio dos veciños".

A fábrica xa ten localización

O Concello de Palas de Rei informou esta segunda feira que xa conta coa "leira" na que se construirá a fábrica de fibras téxtiles da multinacional portuguesa.

A leira decidida está entre os concellos de Pas e Melide, segundo informou o alcalde.

Trátase dun solar "moi grande, dunha peza, que se atopa á beira da autovía que vai a Santiago", concretou o rexedor.

Agora, indica o alcalde, "hai que comezar con toda a tramitación administrativa, dado que é un proxecto supramunicipal, e logo ver se hai que facer algunha modificación do plan para adaptalo á singularidade da fábrica".