AP-9, unha autoestrada máis alá da sospeita

Autoestrada do Atlántico (AP-9). (Foto: Europa Press)

A investigación da UE sobre a prórroga da concesión abre novas variábeis

A decisión da Comisión Europea de investigar a prórroga da concesión da AP-9 a Autoestradas do Atlántico (Audasa) pon negro sobre branco as dúbidas respecto desde proceso. A nova non só cuestiona os procedementos empregados polo Executivo de Aznar senón que pon o foco no modelo de infraestruturas da Galiza, o territorio do Estado con máis quilómetros de estradas de pago e coas peaxes máis altas. Mentres tanto, arranca entre polémica no Congreso dos Deputados a comisión de traballo encargada de concretar a transferencia desta vía a Galiza.

A AP-9 é a xoia da coroa das autoestradas estatais. A vía, cuxas obras comezaron na década dos 70 e percorre a fachada atlántica do país entre Ferrol e a fronteira portuguesa até sumar 178 quilómetros, ten como titular a Audasa, propiedade de Itínere, un consorcio formado por fondos de investimentos europeos e norteamericanos. A estrada aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado, até o punto que a concesionaria agarda uns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía.

Os galegos levan pagados 3.228 millóns de euros en peaxes por circular pola AP-9. Segundo as contas presentada pola compañía concesionaria, desde 1979, ano de apertura ao público do primeiro tramo, a autoestrada ten achegado aos seus titulares uns beneficios 930,1 millóns de euros, non presentando resultados negativos en ningún exercicio desde 1993. Na mesma liña, a estrada de pago é considerada por Itinere como un dos principais soportes económicos do grupo, cuxa valor contábel cifra en 1.534 millóns de euros.

Unha concesión de 75 anos

A duración da concesión é tamén un caso único no Estado até sumar 75 anos como estrada de pago, tras diversas renovacións do tempo de aproveitamento aprobadas polos Gobernos españois. Precisamente a última destas prórrogas, acordada por un prazo de 36 anos en 2000 polo Goberno de José María Aznar é obxecto dun expediente de investigación pola Comisión Europea, quen considera que ampliar o tempo de explotación até 2048 contradí a normativa comunitaria, ao vulnerar as regras das licitacións públicas fixadas pola lexislación. Neste sentido, entende que no referido caso incrementar o período de xestión privada require dun concurso público e non dunha prórroga por tratarse dunha nova concesión.

As sospeitas sobre a actuación gobernamental na AP-9 veñen de vello. A este respecto, o Tribunal de Contas sinalou en 2004 que que a prórroga supuxo "un cuantioso volume de recursos económicos procedentes tanto dos maiores beneficios fiscais e económicos-financeiros como dos maiores volumes de ingresos por peaxes" . Concretamente os beneficios fiscais consistiron en exencións de impostos sobre as operacións de endebedamento de Audasa de até o 95%, malia que as mesmas deberan rematar o 20 de agosto de 1998, conforme o estabelecido polo anterior ampliación da concesión outorgada polo Executivo de Felipe González.

A investigación aberta por Bruxelas introduce novas variábeis neste litixio. A falla de coñecer a resolución definitiva do Congreso dos Deputados sobre a transferencia da estrada a Galiza, o país sitúase á cabeza do Estado en estradas de pago, un modelo de infraestruturas que lastra a articulación territorial, incrementa a inseguridade viaria e impacta de xeito moi negativo na competitividade da economía galega.