Ao redor de 20.000 persoas maniféstanse en Vigo para exixir máis medios para a Atención Primaria

Milleiros de persoas manifestáronse en Vigo en defensa da sanidade pública (Imaxe: Marta Rodríguez / Europa Press)

Miles de persoas -unhas 20.000 segundo a Policía Local- manifestáronse na noitiña da quinta feira polas rúas do centro de Vigo, nun acto reivindicativo convocado pola Xunta de Persoal da área sanitaria, para defender a sanidade pública e para reclamar máis medios para a Atención Primaria.

A marcha saíu do PAC da rúa Pizarro, e após percorrer Gran Vía e Urzáiz, finalizou xunto ao Farol na confluencia con Príncipe e Colón, onde se leu un manifesto, no que os profesionais advertiron de que "a Atención Primaria da área de Vigo está en perigo extremo" e que a "deterioración" dos últimos meses sitúaa "ao bordo do colapso".

Así mesmo, lembraron as súas reivindicacións de máis persoal, máis investimento, estruturas de xestión propia con orzamento propio, maior acceso a probas diagnósticas e a especialidades hospitalarias.

Por outra banda, lamentaron que a crise do Covid chegou cunha Atención Primaria "debilitada", a pesar de ser un servizo "fundamental" para o seguimento e control da pandemia. A iso sumáronse as "barreiras de acceso" aos centros de saúde, a suspensión de consultas, probas e intervencións, que afectaron á saúde da poboación e "están a xerar un gran malestar" entre os profesionais e os usuarios.

"Recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos centros de saúde non debe supor volver á situación anterior de masificación e medicalización da Atención Primaria", advertiron, e denunciaron que se está superando o límite de 30 pacientes ao día nas consultas, hai listas de espera que reflicten a falta de persoal, e os PAC reciben unha presión "insoportábel".

Na marcha participaron plataformas de defensa da sanidade pública de numerosos municipios da área sanitaria, como O Rosal, Tomiño, A Guarda, Mondariz, Covelo, Oia ou Cangas, así como sindicatos e outros colectivos.

Apoios políticos

Na marcha de protesta participaron representantes políticos, como o alcalde da cidade, Abel Caballero, xunto a concelleiros do grupo de Goberno e concelleiros da Marea e do BNG.

O alcalde, Abel Caballero denunciou que a Atención Primaria de Vigo está "pesimamente atendida" pola Xunta, e que os usuarios deben padecer "longuísimas listas de espera". Así, recalcou que "é imprescindíbel contar con máis persoal", á vez que advertiu de que a manifestación "non é máis que o principio" dunha serie de protestas para demandar o que a cidade merece en diversos ámbitos.

Tamén na quinta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu apoio aos profesionais da área sanitaria de Vigo e advertiu de que é un "momento decisivo" para a sanidade pública, que hai que "defendela con uñas e dentes" fronte a un Goberno da Xunta que "leva doce anos pondo ante as cordas" o sistema público, cun "plan de demolición".

Resposta de Sanidade

Pola súa banda, a Consellaría de Sanidade afirmou na quinta feira que o compromiso da Xunta coa Atención Primaria de Vigo é "incuestionábel".

A través dun comunicado, reivindicou as medidas postas en marcha para reducir a carga asistencial nos centros de saúde na última onda da pandemia de Covid, así como outras melloras implementadas ao longo dos últimos anos.