A Xunta non se ve responsábel do colapso da Primaria e chama o Estado a solucionalo

O Goberno galego demanda do Estado máis especialistas, unha convocatoria extraordinaria de MIR para médicos de familia, a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias e a eliminación da taxa de reposición.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión semanal do Consello do Goberno galego (Foto: David Cabezón / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na reunión semanal do Consello do Goberno galego (Foto: David Cabezón / Xunta)

Catro son as propostas que o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, exporá ante as deficiencias da Atención Primaria na reunión que o Consello interterritorial do sistema estatal de saúde realizará o vindeiro 30 de setembro.

A pesar da contundencia coa que Feixoo expuxo esta quinta feira, 23 de setembro, as catro receitas ao rematar a reunión semanal do Consello da Xunta, ningunha delas é nova nin tampouco competencia do Goberno galego. Deste modo, o Executivo galego continúa a "pasar a bola do colapso da Primaria" ao Estado. As receitas son catro: máis especialistas, unha convocatoria extraordinaria de MIR para médicos de familia, a creación da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias e a eliminación da taxa de reposición.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que para ter máis especialistas aposta por unha revisión dos criterios de acreditación de prazas de formación para a especialidade de medicina familiar e comunitaria. 

A petición dunha convocatoria de MIR extra en Medicina de Familia responde ao argumento da Xunta de que se hai colapso na Primaria é pola inexistencia de profesionais desta rama, algo que a oposición cuestiona, sinalando que o problema está na precariedade e contratos temporais de corta duración que realiza a propia Xunta da Galiza na Primaria. Cuestións como estas, sinalan, serían decisións que a propia Xunta podería mudar de inmediato para descolapsala.  

Vacinación

Por outra banda, e tal e como informou o presidente, as galegas e galegos que aínda estean sen vacinar contra a Covid-19 poden xa pedir cita enviando un  WhattsApp ao número de teléfono 981 21 59 30. A medida pretende "flexibilizar e facilitar" o proceso para buscar a complicidade de 100% da poboación".

Ocio nocturno até as 4

Noutra orde, a reunión entre representantes do sector do lecer nocturno e da Xunta serviu para avanzar na elaboración do protocolo que permita a esta actividade reabrir de forma xeneralizada. Encima da mesa e con aceptación por parte do empresariado, aínda que rebaixando as súas expectativas iniciais, está unha apertura con 75% de capacidade e unha hora máis que actualmente, até as 4 da madrugada.

Outra das cuestións pendentes é o uso do certificado Covid como requisito. Aínda que a Xunta recibiu o aval do Tribunal Supremo para poder usalo en determinadas situacións e contextos epidemiolóxicos, falta por concretar se se pode empregar como condición para acceder a esta actividade.

Bono cultural de 50 euros

Por outra banda, a Xunta porá en marcha un 'bono cultural' dotado con 50 euros cada un que permitirá ás e os usuarios obter descontos dun 50% en produtos audiovisuais, libros, videoxogos e entradas para institucións culturais, salas de cinema, concertos e espectáculos escénicos.

A medida chegará a 39.000 persoas. As e os usuarios, que deberán ter máis de 18 anos, deberán descargar o bono dunha páxina web que a Xunta porá en marcha proximamente para emitir os cupóns en formato dixital a través dun código QR.

Comentarios