Ana Pontón carga contra os recortes e listas de espera en Atención Primaria

O BNG interpelará o conselleiro de Sanidade sobre a morte dunha persoa que sufriu unha indisposición e que foi recollida por unha ambulancia enviada polo 061. Non lle puideron practicar tarefas de soporte vital debido a que a ambulancia carecía do material preciso para iso e o vehículo só contaba cun condutor.
Ana Pontón en Burela, con persoal médico conversando sobre os problemas dos recortes na Atención Primaria (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón en Burela, con persoal médico conversando sobre os problemas dos recortes na Atención Primaria (Foto: Nós Diario)

A líder do BNG, Ana Pontón, visitou Burela esta cuarta feira, 22 de setembro, para reunirse con representantes da Plataforma en defensa da sanidade na Mariña. “Estamos diante do centro de saúde de Burela, pero poderíamos estar diante do de Foz, Ribadeo ou Viveiro, todos afectados polos recortes da Xunta”, sinalou, pondo de relevo a falta de medios e persoal na Atención Primaria.

“Por primeira vez na historia, as galegas e galegos non teñen garantida a consulta presencial e faltan recursos, médicos e persoal sanitario de todas as categorías, non se cobren as baixas, non se cobren as vacacións e os profesionais están esgotados, cansos de ter que multiplicarse e facer máis, cada vez con menos medios", denunciou Pontón.

Ante iso, defendeu investir na Primaria 200 millóns, recuperar as consultas presenciais sen listas de agarda para todas as persoas que o soliciten e contratar todas as prazas vacantes no Sergas.

Noutra orde, Pontón reclamou á Xunta que actúe para evitar o feche da empresa Vestas na Mariña. Considera inaudito que se destrúa emprego na industria eólica en pleno "boom depredador" dese sector, e formulou que nos concursos públicos de novos parques se primen aqueles vinculados a un proxecto industrial e con creación de emprego.

Falecemento en Vigo

O Bloque tamén denunciou os recortes sanitarios desde Vigo. A deputada Montse Prado anunciou que interpelará o conselleiro de Sanidade sobre a denuncia efectuada pola CIG que relata como na pasada quinta feira en Vigo unha persoa que sufriu unha indisposición foi recollida por unha ambulancia enviada polo 061.

Con todo, non lle puideron practicar tarefas de soporte vital debido a que a ambulancia carecía do material preciso para iso e o vehículo, da empresa Coexam, só contaba cun condutor.

Finalmente, o paciente ingresou no hospital despois de falecer.

Comentarios