venres 24/09/21

Feixoo, rodeado pola oposición ante o colapso da sanidade, abre a posibilidade de solicitar cita presencial na Atención Primaria

O colapso da Atención Primaria centrou a sesión de control ao Goberno galego no Parlamento, a primeira que se leva a cabo desde o parón do verán.
Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, onte, no Parlamento galego durante a sesión de control ao Gobern (Foto: Parlamento / Nós Diario)
Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no Parlamento galego durante a sesión de control ao Goberno (Foto: Parlamento / Nós Diario).

O cara a cara entre o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e a líder da oposición, a nacionalista Ana Pontón, saldouse co anuncio do mandatario de que esta quinta feira, 16 de setembro, o Sergas abrirá a posibilidade de que a cidadanía poida solicitar cita presencial para o seu médico de cabeceira en Atención Primaria a través de internet e teléfono.

Tras ser apelado por Pontón para que concretase cando se recuperarían as citas presenciais na Primaria -desde o inicio da pandemia as citas son telefónicas e é o profesional quen decide se logo hai cita presencial-, Feixoo sinalou que sería "nos próximos días" e, finalmente, informou de que sería esta quinta feira. 

Porén, o anuncio do presidente non convenceu na oposición, xa que a Xunta continúa avante coa pretensión de recuperar neste ano tan só 60% das citas presenciais en Medicina de Familia. “Que pasa co outro 40%? Non pode enfermar, ten que ir a urxencias ou á sanidade privada?", preguntouse Pontón durante o debate, recriminando que a "estratexia de recortes" de Feixoo "é a mellor campaña comercial que podería desexar a sanidade privada”.

"O Goberno galego logrou dar carta de normalidade ao que parecía imposíbel", dixo a nacionalista en referencia á "non presencialidade" nos servizos de Atención Primaria, onde a cidadanía afronta "unha  carreira de obstáculos" para lograr unha cita presencial "para a que teñen que agardar até 31 días".

Na súa quenda última de feche, Feixoo acusou Pontón de "intoxicar" sobre o "mellor sistema de Atención Primaria de Europa", en alusión ao do Sergas; á vez que instou o BNG a reclamar ao Goberno estatal que "deixen convocar un  MIR extraordinario".

Pontón expuxo as propostas do Bloque para a Primaria: investimento de choque de 200 millóns de euros, plan de recursos humanos para dotar os centros de saúde do persoal necesario e rematar coa precariedade contratando todas as prazas vacantes.

"Fuxida" no inicio de curso

Pola súa banda, o voceiro do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, afirmou na sesión de control que “é difícil poder confiar no Goberno galego cando a cidadanía manda un SOS e na Xunta ninguén dá resposta”. O líder do PSdeG remarcou que “a Galiza merece algo máis que o escapismo dun presidente que non goberna e non asume as súas responsabilidades en sanidade, educación nin  industria”.

De feito, tras indicar que “hai motivos para estar preocupados”, Gonzalo Caballero reclamou á Xunta que aproveite o inicio de curso para “mudar a estratexia, porque así non imos ben”.

Neste sentido, enumerou “as listas de agarda estruturais en Atención Primaria por primeira vez na historia, a saturación do sistema ou incluso denuncias desde os colexios oficiais de médicos contra o Goberno galego polo colapso”.

En paralelo, reprochou Feixoo  que inicie o curso académico “despedindo centos de docentes, negándose a volver ao sistema de libros de texto gratuítos e ao sistema de primeiras matrículas de balde nas universidades galegas”.

comentarios