'Ao pé da terra' achega 20 rutas máxicas

Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta, autores do libro 'Ao pé da terra' que divulga Sermos Galiza (Foto: Nós Diario)
'Nós Diario' achega este sábado unha escolma dos roteiros destacado por Xea

Coñecer o país sempre foi unha das teimas do Colectivo Xea. Este grupo, formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo, comezou a principios deste século partillando as mesmas inquedanzas de divulgación de espazos naturais e patrimoniais da Galiza.

Con varias publicacións no seu historial, comezaron a colaborar en 2012 co semanario Sermos Galiza, coincidindo co seu nacemento. Nestes dez anos publicaron cada sete días un roteiro de interese que continuou até agora co xornal Nós Diario. 

Unha escolma de vinte desas rutas forman o libro Ao pé da terra que acompañará este sábado  Nós Diario e o semanario Sermos Galiza nos quiosques. Nesta ocasión, a relación da escolla vén determinada por algún tipo de misterio -de carácter histórico ou máxico- que motiva a súa difusión. Desta maneira aparecen nesta publicación desde o ascenso ao cume máis alto da Galiza, Pena Trevinca, até os areais de Corrubedo, pasando polas adegas románicas do Ribeiro ou as fontes do Miño. 

“Son roteiros nos que sempre hai natureza aínda que tamén tocamos outros aspectos do lugar que se visita”, explica Xan Colazo a Nós Diario, “aínda que levamos moitos anos e moitas rutas, como o país é tan diverso e amplo aínda nos quedan máis lugares para amosarlle á xente a nosa visión dunha viaxe pola Galiza”, recoñece. 

Modelo dunha ruta pola Galiza para un día

O nome de Xea, segundo explica Adela Leiro a Nós Diario, procede de "terra". En todos estes anos realizaron máis de 500 saídas, preparadas como "proxectos", que están organizadas nun arquivo propio. As viaxes de Xea realízanse nunha soa xornada, mesmo algunhas nunha mañá ou nunha tarde. Cando teñen que escoller un lugar para visitar contan con esa idea para que sexa o máis doado para a xente.

“Sempre poñemos un punto de saída e damos unha información básica sobre os quilómetros e o percurso”, indica Colazo. As excepcións veñen cando tratan lugares de difícil acceso ou con cruzamentos que poden dificultar o seguimento da ruta. “Nese caso estendémonos máis en dar indicacións”, admite.  

Na colección de propostas deste colectivo hai tamén lugares moi coñecidos dos que tentan complementar a información máis característica e doutros máis agochados que buscan, por este mesmo motivo, “que se coñezan para demostrar a riqueza e a variedade que ten a nosa terra”. No caso do volume Ao pé da terra,

Colazo apunta  que se decidiron, tras escoitar a proposta do presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., Xoán Costa, por lugares “onde se sinta unha conexión máxica por ter unha forza especial”.

O libro distribuirase co xornal de balde para as subscritoras e os subscritores e cun prezo de dous euros para o resto do público, máis o custo do Nós Diario dos sábados, que vén acompañado do semanario Sermos Galiza -tres euros en total-. As persoas subscritas á edición dixital do xornal terán acceso gratuíto á unha edición electrónica. As seguintes publicacións serán Dar que pensar (día 17), Eira das Mouras (día 24) e Relatan... Nós (día 31).