Anuario 2021: resumo e análise do ano que remata

O anuario incorpora artigos de análise de diversas temáticas realizados en exclusiva para este especial.
O vindeiro sábado 18 de decembro ‘Nós Diario’ vén acompañado dunha publicación especial: o anuario 2021, que recollerá unha selección das informacións máis destacadas e que incorpora artigos de destacadas figuras galegas en materia política, económica, laboral, social, cultural, memorialística e deportiva. Reserva o teu exemplar, de balde con ‘Nós Diario’, para non ficar sen o máis relevante de 2021. 

Para celebrar o seu segundo ano de vida, Nós Diario sairá o vindeiro sábado 18 de decembro acompañado dun Sermos Galiza especial: un Anuario 2021, con máis de 100 páxinas a cor que recollerá unha selección dos contidos xornalísticos máis significativos do ano.

O Anuario presentará unha escolma das informacións máis destacadas de 2021, pola súa relevancia ou por seren representativas. Ademais, a publicación incorporará artigos de análise de diversas temáticas realizados en exclusiva para este especial.

Nós Diario sairá o vindeiro sábado 18 de decembro acompañado dun Sermos Galiza especial: un Anuario 2021, con máis de 100 páxinas a cor

Así, o avogado e analista político Xoán Antón Pérez Lema ofrecerá a súa visión sobre o máis relevante da política nacional durante este 2021. Xulio Ríos, analista e presidente de Honra do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) daralle un repaso á xeopolítica, marcada polas tensións entre a República Popular China de Xi Jinping e os EUA de Joe Biden.

O doutor en Ciencias Económicas Albino Prada, pola súa banda, porá en perspectiva o que deixou tras de si 2021 en relación á economía. A doutora en Ciencias Económicas e Empresariais María do Carmo García Negro revisará o ano desde o punto de vista do mundo do traballo.

A escritora e socióloga Miriam Couceiro ofrece unha panorámica sobre a situación das mulleres durante este ano, moi significado pola situación sanitaria derivada da pandemia e polos ataques dos partidos da dereita contra as concentracións reivindicativas feministas.

Nun ano moi sinalado pola contestación popular á proliferación de proxectos eólicos en tramitación, Roi Cuba, presidente de Adega, pasa revista aos retos que enfronta a Galiza en materia medioambiental. A escritora e xornalista Montse Fajardo analiza o ano en relación coa memoria histórica, poñendo en foco a actualidade e necesidade da loita pola dignidade das vítimas do franquismo.  

A xornalista Rocío Castro Tarrío repasará o fitos e problemas da cultura galega durante 2021, mentres que a atleta e profesora na Universidade de Vigo Alba Cuba deitará a súa mirada sobre a actualidade deportiva deste ano. O lingüista e doutor en Filoloxía Xosé Ramón Freixeiro Mato poñerá o foco sobre a situación da lingua á luz do acaecido nestes últimos doce meses.

Recomendamos reservalo nos quioscos. As persoas subscritoras recibirano no seu domicilio ou ben para a súa lectura na nube.

Dous anos de Nos Diario

Nós Diario fai dous anos en xaneiro de 2022 tanto na súa versión web, actualizada os 365 días do ano, como na versión impresa. O medio celebra este aniversario coa publicación do anuario, que se entregará o 18 de decembro co diario. Todo por tan só 3 euros. Recomendamos reservalo nos quioscos. As persoas subscritoras recibirano no seu domicilio ou ben para a súa lectura na nube.

[Lembra que podes subscribirte a Nós Diario na seguinte ligazón]