Entrevistamos María do Carme García Negro

"A crise para Galiza foi unha convulsión total"

A crise non é unha abstracción. Para debullarmos no concreto as súas causas, desenvolvemento e efectos acudimos á análise privilexiada de María do Carme García Negro, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais (USC), especialista en economía aplicada. Entrevistámola no A Fondo Dez anos dunha crise capitalista que non remata. Eis un extracto.

Maria do Carmo García Negro
photo_camera María do Carme García Negro.

A crise era imprevisíbel?

Non, en absoluto. Non era imprevisíbel. É máis, as crises no capitalismo son esperábeis inda que non se poida predicir en que mes van ter lugar. Os ciclos no sistema económico capitalista son unha parte medular do propio proceso de desenvolvemento do capitalismo, é dicir, sempre vai haber ciclos onde as etapas de crecemento e esplendor van ir seguidas por etapas de crise, máis ou menos profunda, pero crise. Neste caso concreto, na crise que estamos a sufrir neste momento, unha cousa é que non se quixera ver por parte dos propios especuladores e quen se estaban a facer ricos, e que diso participaran tamén os gobernos, e outra completamente distinta, que os analistas, as economistas e mesmo coñecidos especuladores mundiais, como o propio Soros, non estiveran anticipando a crise antes do ano 2008. É máis, moitos destes especuladores gañaron máis nos momentos iniciais da crise. E outros economistas, como o premio noble Stiglitz, tamén o tiñan anunciado, no sentido de que era imposíbel que se mantivese a etapa que se estaba vivindo de enormes lucros especulativos.

negroMais a Galiza chegou de maneira algo serodia..

Hai dúas cuestións importantes a ter en conta. A primeira é que temos que analizar a economía interior galega situada no contexto da economía mundial. Hoxe, os lazos de unión do desenvolvemento da economía dun país como o noso, no espazo económico no que vivimos, son fortes e ineludíbeis á hora de analizar a evolución. Outra cousa é que o estourido, os primeiros síntomas da crise no punto central onde comeza a manifestarse, se propaguen de maneira automática para o resto das economías. No noso país, naquel momento, por propias razóns deses fíos de unión pode tardar uns meses ou pode tardar un ano en se manifestar, pero iso non quere dicir que non vaia existir aquí. En todo caso, podemos recordar que todas as medidas económicas que no campo das relacións bancarias e do resto dos intermediarios financeiros se levaron a cabo, por parte dos propios gobernos, foron un colaborador neto para que a crise atinxise unha dimensión que ao mellor non era esperábel.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 237, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios