Miriam Couceiro, autora de 'A Galiza feminista': "Unha parte do feminismo ten presente Rosalía e outro identifícase con Pardo Bazán"

Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) vén de publicar o libro 'A Galiza feminista', baseado na súa tese doutoral, onde trata de "achegar o feminismo a todas aquelas persoas que por calquera razón ou non o comprenderon ou asústaas". En conversa con 'Nós Diario', a escritora destaca algúns aspectos da súa tese como o feminismo atomizado, a dualidade que existe sobre grandes bloques do movemento, a esperanza que hai nas novas xeracións e a idea dunha gran reunión entre mulleres.
 
Miriam Couceiro
photo_camera Miriam Couceiro (Foto: cedida)

Desde que comezou a súa carreira en Socioloxía na Universidade da Coruña, Miriam Couceiro Castro (Ordes, 1985) “tiña claro que quería realizar unha tese sobre o feminismo e centrado nas mulleres galegas”, expresa en conversa con Nós Diario. Así foi que na mesma universidade realizou o seu doutoramento en Ciencias da Educación e de aí nace o libro que vén de publicar a editorial Galaxia, A Galiza feminista. Tebras e alboradas.

Na carreira coñece a Rosa Cobo, a súa profesora de Teoría Sociolóxica, quen lle espertou esa inquedanza feminista e “despois decateime de que aquí tiñamos unhas grandes referentes e que facía falta seguir investigando”. Ademais, descubriu, grazas ao feminismo, que “corría o perigo de afogar en min mesma, de non ter unha boa relación co meu corpo e incluso medir os obxectivos da miña vida por outras cousas que non son os propios desexos de liberdade”. A todo isto sumouse a película Criadas e señoras, “onde a protagonista preguntaba a mulleres negras a súa vida e, grazas a este filme, tiven claro que a miña tese tiña que ser baseada en historias de vida, neste caso, en mestras e o que elas me falaban”.

A Galiza feminista ten o obxectivo de “achegar o feminismo a todas as mulleres que, por calquera razón, ou non o comprenderon ou as asusta un pouco, a pesar de precisalo e, por outra parte, encher o feminismo, que tan atomizado está agora mesmo, cun pouquiño de afecto. Un afecto que nos una a todas as compañeiras que estamos nas rúas, nas manifestacións, nos sindicatos, partidos políticos e demais sectores da vida que ás veces viven enfrontados sobre este tema”. 
Este libro serviulle a Castro para decatarse de que “existe un elitismo moi forte dentro do movemento, que existe moita intelectualización do discurso, e iso fai que moitas mulleres ‘se boten cara a atrás’ porque non comprenden”. Por iso a autora buscou crear “un nexo entre as academias e as rúas -a realidade das nosas nais e avoas- falando dos dereitos civís, políticos e sociais, da resistencia ao feminismo e as novas tendencias e desafíos, así como tamén realizando unha reflexión sobre o papel que teñen os homes no feminismo”.

Feminismo atomizado

De todos os aspectos que trata Castro no seu libro, o concepto de feminismo atomizado é o que máis sinxelo lle resultou realizar. “Este concepto xorde cunha conversa coa profesora María Pilar García Negro, quen trata a polarización do feminismo galego", conta a escritora. "Hai unha parte que vai máis cara a esquerda e o nacionalismo, tendo o universo de Rosalía de Castro moi presente, e outra parte que se identifica co de Emilia Pardo Bazán. Logo tamén xorden outras historias como a eterna batalla entre as que pensan que a prostitución debería regularizarse e as que non queren nin oír nin falar disto, onde os enfrontamentos son bastante violentos en redes, ou mesmo as mulleres trans, onde existen pensamentos máis abertos e outros que non as identifican como mulleres, aquí tamén se discute sobre a eliminación de xénero". 

Estes son algúns dos aspectos “dos grandes bloques que nos están enfrontando unhas ás outras e ás veces están a darse respostas moi duais cando aínda queda moito por falar entre nós”, asevera Castro.

Malia a existencia desta dualidade e que “aínda queda moito por facer en prol do feminismo”, a escritora alberga unha “esperanza nas novas xeracións”. As rapazas novas “xa non queren ver estruturas tan verticais, queren algo máis horizontal, colaborador e conciliador”. 

Sobre a situación actual do feminismo no país, Castro explica que existe un risco “tanto positivo como negativo”.  “Calquera tipo de partido político galego ten a necesidade de utilizar o feminismo en todo momento, incluso a dereita precisa dicir que é feminista, malia que poden chegar a deslocalizar o concepto porque as políticas que seguen non son para nada feministas. Todo o mundo quere facer uso del con maior ou menor información ou implicación”.
Para Castro, entre as moitas cousas que quedan por facer a favor do feminismo, o esencial sería que "todas as mulleres nos sentásemos a falar e estabelecésemos unha serie de obxectivos e pautas a seguir que trasladásemos a todas as institucións". Sobre esta "posíbel utópica reunión", a escritora gustaríalle realizar unha segunda parte deste libro, mais centrada sobre as mulleres no ámbito rural, "que, como en moitos outros aspectos do noso día a día, é o ámbito que máis esquecido está no noso país", conclúe.

Comentarios