Aniversario do naufraxio

Un ano do naufraxio do 'Vila de Pitanxo', un ano á espera de "xustiza e verdade"

O JRCC Halifax activou o operativo de rescate após perder o contacto co 'Vila de Pitanxo', que alertara do inminente afundimento. (Foto: Forzas Armadas do Canadá)
As familias dos 21 mariñeiros falecidos o 15 de febreiro de 2022 en Terranova defenden con insistencia que se "esclarezan os feitos" en relación a un suceso polo que está a ser investigado, como presunto autor de 21 delitos de homicidio por imprudencia grave, o patrón do barco, Juan Padín. A versión final ofrecida polo mariñeiro Samuel Kwesi, o outro sobrevivente canda o sobriño do capitán, Eduardo Rial, mostra indicios que van en contra do defendido por eles dous.

Eran perto das 10 horas da mañá do 15 de febreiro de 2022 cando a redacción de Nós Diario recibiu a chamada dun particular que alertaba do afundimento dun barco pesqueiro en augas canadenses. Era unha persoa próxima á tripulación do Vila de Pitanxo. "Están tentando rescatar os sobreviventes, mais non se sabe cantos hai", advertía. Pouco despois, desde Salvamento Marítimo confirmaban o tráxico suceso.

O Pitanxo, un dos buques que conforman a frota do Grupo Nores de Marín, tiña as redes despregadas aquela madrugada na que as condicións meteorolóxicas, como é frecuente neste punto do Gran Banco de Terranova, a unhas 250 millas da costa, eran adversas. Durante a manobra de viraxe do aparello rexistrouse unha parada do motor principal que deixou o barco a expensas do vento e as fortes ondadas, de até dez metros de altura. As batidas do mar escoraron e afundiron a embarcación en escasos minutos por mor da entrada de auga nos compartimentos, sen dar opción ningunha aos 24 mariñeiros de evitar o naufraxio.

Foi arredor das 5 horas cando sucedeu iso. Pasada media hora, o Centro de Coordinación de Rescate (JRCC, en inglés) de Halifax, no Canadá, recibiu un sinal de radiobaliza do buque. O persoal de salvamento perdeu o contacto coa tripulación e activouse entón o operativo de rescate. Outro barco galego que faenaba na zona, o Praia Menduíña 2, achou a embarcación sinistrada e localizou tres sobreviventes: o patrón, Juan Padín; o seu sobriño, Eduardo Rial, e o mariñeiro de orixe ghanesa Samuel Kwesi.

En declaracións a este xornal, o tenente coronel do Exército canadense e portavoz do JRCC de Halifax, Brian Owens, afirmaba que "esta é a maior SAR [alerta de rescate]" á que tivo que facer fronte nesta zona do Atlántico norte ao longo da súa dilatada traxectoria nos servizos de salvamento canadenses.

A investigación

Juan Padín está a ser investigado por homicidio imprudente. Segundo a versión que ofreceu Samuel Kwesi unha vez aterrou de volta no Estado español —diferente da que declarara inicialmente ante as autoridades do Canadá, na liña do exposto por Padín e Rial, alegando que a causa última do naufraxio fora a parada do motor—, os mariñeiros alertarían o capitán de que o aparello estaba enganchado no fondo e pediríanlle que arriase cabo, ao que el se negaría.

Entón, sempre con base na versión de Kwesi, Padín forzou a máquina no canto de soltar o aparello e provocou a parada do motor e o consecuente escoramento e afundimento do buque. O mariñeiro asegurou tamén que desde a armadora presionaran para que mantivese a mesma versión que o seu patrón, un extremo confirmado diante do xuíz polos tripulantes do Praia Menduíña 2, que tamén acusaron Juan Padín de mudar varias veces a súa versión do acontecido nas primeiras horas posteriores ao naufraxio.

A defensa do patrón, pola súa parte, vén de presentar na Audiencia Nacional un informe para tratar de acreditar que a parada do motor foi a causa do naufraxio do buque. Con "datos obxectivos", o documento pretende analizar as diferentes versións que contaron os sobreviventes da traxedia.

Nas súas conclusións, o perito asegura que entre as 3.48 e as 3.50 horas da madrugada do 15 de febreiro o buque navegaba a unha velocidade media de 3,4 nós, "usual de faenas de arrastre e incompatíbel cun embarre do aparello no fondo". No intervalo que vai desde as 3.50 ás 4.22 horas, a velocidade media pasou a ser de 2,06 nós e o rumbo cambiou de Norte-Nordeste a Leste-Nordeste, "consistente con que o buque fique sen propulsión e á deriva".

As familias, á espera de "facer xustiza"

Que se "esclarezan os feitos" baixando ao pecio do Pitanxo —ao longo deste ano, "en función da meteoroloxía e a dispoñibilidade, prometeu o Goberno español— é o principal obxectivo dos familiares dos falecidos, que seguen a demandar "xustiza e verdade" un ano despois. "Estamos no camiño de coñecer a verdade. Deuse algún pasiño xa. As familias solicitamos desde o principio baixar ao pecio. Agora sábese que a nosa petición era totalmente plausíbel", dixo este sábado a portavoz das familias, María José de Pazo.

A respecto do recente informe presentado por Juan Padín, De Pazo eludiu entrar a valoralo mais si manifestou que, neste último ano posterior ao tráxico accidente, "ficou claro quen nunca tivo medo a que se soubese a verdade".